PP e PSOE fan pinza en Meaño para aprobar unha polémica reforma urbanística

Bea Costa
Bea Costa MEAÑO

MEAÑO

MONICA IRAGO

Aspérez sostén que o acordo oculta unha operación para ampliar o polígono industrial da Pedreira e ameaza con acudir á Fiscalía. O goberno local négao

30 novs 2019 . Actualizado ás 20:39 h.

PP e PSOE volveron facer pinza en Meaño. Grazas ao seu votos, onte á noite aprobouse no pleno, con carácter inicial, a modificación urbanística que vai permitir adaptar o PXOM á Lei do Solo de Galicia, un acordo que repercute especialmente no polígono industrial da Pedreira e que vai seguir dando moito que falar nos próximos meses. Polo pronto, o grupo Meaño Independente (O meu) anuncia que está valorando a posibilidade de denunciar o asunto ante a Fiscalía.

A formación que lidera José Aspérez leva meses manifestando os seus reparos a esta modificación urbanística alegando que obedece a unha operación sospeitosa por parte do grupo de goberno. «Todo isto está dirixido para beneficiar a uns cantos e nós estamos para defender os intereses de todos os veciños de Meaño».

A versións do goberno local e dos independentes son contraditorias. Mentres que o PP nega que esta modificación urbanística teña como finalidade facilitar a ampliación do polígono industrial, O meu sostén o contrario. «Vaise abrir un vial novo que abre a porta a unha ampliación mentres se suprimen outros dous viais sen saber por que», indica  Aspérez.

Como cabía agardar, o seu voto no pleno do venres foi en contra. O que non estaba do todo claro é que postura ía defender o PSOE, cuxo apoio é imprescindible para sacar os asuntos da orde do día adiante, dado que o PP goberna en minoría.

Esta alianza foi, unha vez máis, duramente criticada polos independentes. «O que está pasando en Meaño non se ve en ningún lado. Están fóra da órbita do PSOE da comarca. Participan nestes cambalaches e logo non fan posible que saian adiante demandas sociais, como as que afectan á banda de música ou a da AMPA do colexio das Covas, que piden un conserxe».

Unha vez aprobada a modificación urbanística número 2 ábrese un prazo de dous meses para presentar alegacións, e, a partir de aí, o documento aínda terá que volver ao pleno para a súa aprobación definitiva. Desde o grupo de goberno destacan os beneficios que reporta esta medida, non só á hora de regularizar usos e instalacións das empresas radicadas no polígono da Pedreira senón tamén para ordenar outros usos e servizos que benefician aos veciños no resto do municipio.

A situación do PP

No pleno de onte, o alcalde Carlos Viéitez aínda votou dentro da disciplina do grupo municipal do PP, tendo en conta que presentou un recurso á decisión do Comité de Garantías do PPdeG de expulsalo do partido, que aínda non foi resolto, segundo sinalan desde o propio grupo de goberno. Fronte a esta versión, a liña oficial do PP dá por feito que o rexedor meañés xa non está amparado polas súas siglas. Así pois, o futuro da dereita en Meaño segue sen despexarse. O partido está dividido; por unha banda, cun alcalde que non que quere a dirección pero que conta co apoio dos concelleiros que lle acompañaron na lista electoral e dun importante sector da militancia, e por outro, cunha xestora creada hai unhas semanas auspiciada polo presidente provincial, Alfonso Rueda, que nace con poucos apoios entre as bases.

Con este escenario, Viéitez e os seus afíns farán este domingo unha nova demostración de forza mediante a celebración dunha comida de Nadal no pavillón de Xil que se presenta baixo o lema «Xuntos por Meaño».