O PP de Meaño navega entre dúas augas

Bea Costa
b. costa MEAÑO/ LA VOZ

MEAÑO

MONICA IRAGO

24 novs 2019 . Actualizado ás 21:00 h.

Mes e medio despois de que o Comité de Garantías do PPdeG expulsase do partido ao alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, nas filas conservadoras respírase máis división que nunca. A dirección provincial xa deixou clara a súa folla de ruta. A súa aposta é Jesús Sueiro, ao que lle encomendou a tarefa de recompor a agrupación local en calidade de presidente dunha xestora. Pero Sueiro está bastante só, polo menos no que respecta á militancia meañesa. O pasado 12 de outubro, os cinco concelleiros que forman o equipo de goberno xunto a Viéitez e un amplo grupo de militantes enviaban un escrito aos medios de comunicación anunciando o seu apoio sen fisuras ao rexedor, e o próximo día 1 farán unha nova demostración de forza no pavillón de Xil.

«Xuntos por Meaño»

Co pretexto das festas do Nadal, organizouse unha comida baixo o título: «Carlos Viéitez, xuntos por Meaño». Segundo explica a concelleira de Cultura, María Estévez Barbeito, a iniciativa parte dun grupo de «

membros, simpatizantes e colaboradores do noso partido político, sen ningunha pretensión

». Estévez salta á palestra ante os rumores de que esta comida podería ser utilizada con fins políticos, pero iso négao e invita a todo aquel que o desexe «

a compartir unha comida de unión dun Concello, ante os que pretenden ir en contra del, xerando odio, enfrontamento social e descrédito». Así lo explica la responsable de

Cultura, mentres que o alcalde prefire gardar silencio. Falará despois do día 1 de decembro, di, aínda que antes hai unha cita que pode resultar esclarecedora para a política local. O venres toca pleno e ninguén sabe baixo que paraugas actuará o equipo de Viéitez: o alcalde votará en calidade de concelleiro non adscrito?, os populares de Meaño votarán en consonancia coas directrices do partido?, evidenciarase dalgún modo a fractura no PP local?, son preguntas que están no aire.

Unha tarefa complicada

Jesús Sueiro preferiu onte non pronunciarse respecto da comida de Nadal organizado ao redor da figura de Viéitez e afirma que segue traballando coas bases para solicitar apoios. «

Estas cousas levan o seu tempo»

, apunta. A tarefa preséntase complicada á vista da forte división interna que vive o partido e despois dunhas eleccións xerais nas que o PP perdeu votos. Viéitez conta co respaldo do seu goberno e de históricos da dereita meañesa, que interpretan a expulsión do alcalde e o posterior nomeamento dunha xestora -o cal obrigou a dimitir a Lourdes Ucha como máxima responsable da agrupación- como unha intromisión na autonomía do PP de Meaño.

Cabe lembrar que Viéitez foi expedientado por desobediencia e deslealdade ao entender a dirección do partido que pactou o seu soldo co PSOE en detrimento de os intereses do grupo popular na Mancomunidade do Salnés.

A xestora busca apoios mentres un grupo de militantes organiza unha comida de apoio ao alcalde