O médico de Meaño: «Escapei de Guatemala para caer non inferno»

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso MEAÑO / LA VOZ

MEAÑO

Martina Miser

O facultativo leva toda a semana atendendo a unha media de setenta pacientes

28 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

«Din que non hai solución. Que non hai substitutos para cubrir as vacacións». Esta foi a resposta que onte mesmo recibiu César Gil, o médico de Meaño que denunciou a sobrecarga de traballo que soporta a diario, do Servizo Galego de Saúde (Sergas). O profesional convocara aos medios de comunicación e a representantes da área sanitaria para que desen unha explicación de por que leva preto dunha semana atendendo a unha media de 70 persoas ao día e vivindo «un inferno». Por parte da Administración autonómica ninguén se presentou. Só recibiu unha chamada na que, máis ou menos, viñan dicirlle que nada se podía facer por atender as súas reivindicacións.

Trinta e catro anos leva César Gil traballando na sanidade pública. A súa carreira halle levado por diferentes centros de saúde de toda a provincia. Antes de chegar a Meaño, estivo en Baltar «escapei de alí pensando que era Guatemala, para meterme no inferno», asegura. Explica que o centro de saúde de Meaño é un dos que máis traballo soporta, pois atende «a unha poboación envellecida que é moi demandante do servizo e por iso temos unha presión máis alta do normal». Neste edificio traballan dous profesionais e, cando un deles falta por baixa ou vacacións, é o outro o que atende aos seus pacientes. Isto xera situacións como a vivida esta semana. «Estou atendendo unha media de 70 ou 80 pacientes ao día. Isto significa que vexo un paciente cada dous ou tres minutos», quéixase. Considera que esta carga de traballo é «inasumible e indesexable. Os pacientes están mal atendidos e non se poden rexistrar os datos no ordenador», engade. Ás once da mañá de onte, tras tres horas de traballo, «todavía me quedan trinta persoas por ver», explicaba. Iso xera problemas, como o atraso que acumula na atención, «hoxe por exemplo vou cunha hora de retraso», aseguraba, ou a imposibilidade de conseguir cita dun día para outro.

De toda esta situación é coñecedora a Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI), pois Gil lles remitiu unha infinidade de correos no que informa da sobrecarga de traballo á que está a ser sometido. Onte, o médico recibiu a chamada da directora de Procesos Asistenciais, Sonia Fernández-Arruty, quen lle informou de que non hai solución ao seu problema, porque non hai persoal para poder contratar a un substituto. «Se non hai substitutos é porque durante anos fixeron as cousas mal, con contratos precarios e tratando mal á xente», quéixase. Acusa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, de estar «cargándose a calidade asistencial en primaria» e de tratar de beneficiar ás clínicas privadas. Fernández-Arruty desprazarase o próximo 8 de xaneiro a Meaño para falar cos profesionais que alí traballan. Entón, a situación haberase liquidado parcialmente, posto que os dous médicos estarán a traballar tras ter rematado os seus respectivos días de libranza.

«Isto está a pasar en todas partes; todas as consultas están saturadas», ratifican na Illa

«Todos estamos saturados. Non é cousa de hoxe, nin de hai unha semana. Levamos así anos», asegura Fernando Padín, médico do centro de saúde da Illa que fala tamén en nome de todos os seus compañeiros. Insiste en que hai xa tempo que non se substitúen baixas ou vacacións e que son os outros profesionais os que asumen esa sobrecarga de traballo. «O problema de Meaño é o mesmo que hai en Cambados , en Vilagarcía ou en Vilanova».

Padín di que fai agora oito anos que comezaron os recortes na Sanidade. «Isto pasa en todas partes. Hoxe todas as consultas están saturadas», engade. O problema é que, nun día normal, estes profesionais atenden a unha media de trinta pacientes. Pero a eles hai que sumarlles os que se incorporan a última hora e as urxencias. A realidade é que, ao final, «ves unha media superior aos corenta pacientes por día» e que isto se fai á conta da súa xornada laboral. A todo iso hai que sumarlle o traballo que realizan a maiores estes profesionais. «Temos unha gran carga burocrática. Hoxe en día temos acceso a probas e a consultas telemáticas, pero temos que resolvelo todo nós e iso implica perder o tempo», engade o facultativo.

Padín asegura que os profesionais perderon poder adquisitivo nos últimos anos, pero que actualmente non están a falar diso. «Estamos a falar da calidade asistencial, de dar calidade aos nosos pacientes na atención. É algo que se pide desde hai tempo», insiste.