Denuncian que o médico de Meaño chega a atender a 76 pacientes nun día

Rosa Estévez
rosa estévez MEAÑO / LA VOZ

MEAÑO

MARTINA MISER

Cada vez que falta un dos dous facultativos, a presión asistencial é insoportable

27 dic 2018 . Actualizado ás 13:08 h.

Os profesionais sanitarios están en pé de guerra. Hoxe hai manifestación en Vigo, onde hai unhas semanas os xefes de servizo e de unidade de Atención Primaria presentaban a súa dimisión en bloque, fartos, segundo dicían, de xestionar uns medios cada vez máis mermados. As súas queixas, por desgraza, poderíanse facer extensivas a case calquera punto de Galicia. Na área sanitaria do Salnés, as denuncias polos recortes nos servizos médicos tamén son constante, e hai unhas semanas os veciños de Cambados saíron á rúa para protestar contra o peche do seu centro de saúde polas tardes. Agora é en Meaño onde salta a faísca. No centro de saúde desta localidade prestan servizo dous facultativos. Cando están os dous, capean a situación como poden, atendendo a unha media duns corenta enfermos por día. Pero se falta un deles, como ocorre agora, prestar unha atención en condicións vólvese misión imposible.

Denunciábao onte César Gil, o profesional que esta semana está só neste centro asistencial. Chegou no mes de outubro a este destino, e desde entón puido comprobar que en Meaño se viven xornadas de «auténtica tolemia». De feito, decidiuse a facer pública a situación tras encadear días nos que atendeu a 69 e 76 pacientes respectivamente. «Teño dous minutos para cada paciente, e iso cando non me citan a dous para a o mesmo minuto», lamentábase onte este facultativo. Iso tradúcese, inevitablemente, nunha peor calidade asistencial. «O risco de cometer erros, obviamente, aumenta», di este médico.

Cando chegou a Meaño non tardou moito en darse conta do problema. A primeira vez que se viu nunha situación como esta, enviou un escrito ao director de procesos e á xerencia da área sanitaria «para que saiban como vai o tema». Desde entón, non parou de escribirlles para denunciar a precaria situación na que se ve obrigado a traballar, pero de momento a resposta foi nula. «Eu gardei copias de todas esas comunicacións para que quedase constancia de que están ao tanto do que ocorre», explica este facultativo, que decidiu dar a voz de alarma ante a deterioración asistencial.