Volverá Lourdes Ucha a ser candidata do PP en Meaño?

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso MEAÑO / LA VOZ

MEAÑO

MARTINA MISER

Regresan os rumores de que a rexedora non será a cabeza de lista dos conservadores nas municipais

15 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Esta mesma mañá a actual alcaldesa de Meaño , Lourdes Ucha, comparecerá acompañada do presidente provincial do Partido Popular en Pontevedra, Alfonso Rueda. Suponse que ambos falarán sobre a situación da formación na localidade despois do sucedido esta mesma semana, cando dúas dos concelleiros da formación apoiaron unha moción da oposición para paralizar un proxecto de mellora da seguridade viaria na contorna da zona dos colexios de Dena. A súa decisión non gustou demasiado á actual alcaldesa, que anunciou que habería medidas contra os díscolos. A crise de goberno serviu para reabrir os rumores sobre o liderado de Ucha na executiva local do partido. Non é a primeira vez que se di que non volverá encabezar a candidatura dos conservadores. E diso volverá falarse, sin duda, na cita desta mañá.

En maio deste ano, a alcaldesa de Meaño comparecía ante os medios para anunciar a súa intención de volver ser a candidata do PP. «Pensei non presentarme, pero agora quero ser candidata», argumentaba nunha entrevista concedida a este diario. A rexedora argumentaba que, por motivos persoais, estivo pensado en abandonar a política local, na que leva 23 anos traballando. Pero cambiara de opinión e, entón, estaba disposta a volver encabezar a lista dos conservadores. As súas declaracións producíronse só uns días despois de que saltase o rumor de que dous concelleiros do seu partido estaban a negociar cos independentes para integralos no PP e presentar unha lista na que Ucha non estaba incluída. A iso sumáronse as especulacións de que a dirección do partido na provincia tiña outro candidato para Meaño. «Voume presentar á alcaldía de Meaño», aseguraba entón a rexedora para resolver o problema. Queda por ver se isto será así, porque hai voces que volven insistir en que a de hoxe será unha despedida e en que Ucha xa non será candidata de Meaño.