Catoira reivindícase como nexo entre as Rutas Viquingas e o Camiño

Rosa Estévez
rosa estévez CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

Martina Miser

A localidade acolleu unha xornada sobre recursos turísticos como o viño

11 novs 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Baixo o título «Os Viquingos e o viño en Galicia», onte despregouse en Catoira —e con seguimento a través de Internet desde diversos países— unha xornada sobre turismo. Unha xornada na que se pretendía abordar o mellor xeito de integrar os moitos atractivos que ofrece Galicia para quen aman a cultura. O viño albariño, protagonista dunha charla de Jorge Vila, director da Galicia Wine Academy, foi un dos protagonistas da xornada. Os focos tamén se detiveron sobre os viquingos, ese pobo sobre o que se construíu, ao amparo do Consello de Europa, un itinerario cultural integrado por 60 entidades repartidas por 16 países. O Concello de Catoira é un dos socios do que é, segundo sinalan os expertos, a segunda ruta cultural máis importante do continente tras o Camiño de Santiago.

Neste contexto, o alcalde de Catoira, Alberto García, quixo insuflar nova vida a un proxecto que xa puxera en marcha no seu anterior mandato, pero que quedou aletargado durante o goberno do BNG: a creación dunha ruta viquinga entre Catoira e Santiago. Coincidirá esta, en boa medida, coa Ruta Xacobea. E é que o Ulla se converte nun «camiño de auga» que se usou para trasladar os restos do Apóstolo Santiago ata Compostela, primeiro. Que empregaron os viquingos para intentar asaltar esa cidade, despois, e que agora remontan cada ano miles de turistas. A intención de García é reivindicar o protagonismo de Catoira nesa ruta tripla. A que foi «selo e chave de Galicia» quere converterse agora nun crisol de camiños, unha encrucillada cultural, un punto de encontro e de descubrimento.