Alarma en Cambados e Catoira por dous anciáns que estiveron desaparecidos unhas horas

R. E. VILAGARCÍA

CATOIRA

Un apareceu a pouca distancia do punto onde se lle perdeu a pista; o outro foi achado en Rianxo

30 novs 2019 . Actualizado ás 18:00 h.

Dous sobresaltos con final feliz. Os servizos de urxencias de varios municipios do Salnés mobilizáronse esta mañá para dar con dous veciños, de avanzada idade en ambos os casos, aos que se lles perdeu a pista.

O primeiro dos casos rexistrouse en Cambados . Pouco antes das oito da mañá, o 112 recibía unha chamada alertando da desaparición, no hotel Europa, dun ancián de 80 anos e enfermo de alzheimer. O home non tardou en aparecer nas inmediacións do establecemento hostaleiro.

Ás dez da mañá saltaba a segunda alarma do día, esta vez en Catoira . Un ancián de 83 anos, residente no centro, saíra unha hora antes para ir a unha fonte próxima á súa casa e non volvera. Tiña que tomar unha medicación e os seus familiares non o achaban por ningún lado. Púxose en marcha un dispositivo de procura con Protección Civil de Catoira e o GES de Valga , ademais da Garda Civi. Finalmente, o home apareceu hora e media despois en Rianxo. Descoñécese, aínda, como chegou ata alí.