Convocan unha marcha en Catoira contra os recortes sanitarios

La Voz CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

MARTINA MISER

Os veciños están cansos do caos e a precariedade que reinan no centro de saúde

27 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Aos veciños de Catoira parece haber esgotado a paciencia. Desde o 2018, o servizo de pediatría da localidade funciona ás topadas. E, xa antes do verán, a baixa dun dos dous médicos de cabeceira do centro de saúde deixou a atención sanitaria baixo mínimos neste municipio do Baixo Ulla. «Nos últimos tempos a situación empeorou moitísimo; a xente está farta», explica unha das veciñas que encabeza un movimento veciñal que convocou para o vindeiro domingo (12 horas, fronte ao Concello) unha marcha coa que se pretende reivindicar unha atención sanitaria digna para todos aqueles que residen no municipio viquingo.

A idea da protesta xurdiu durante unha campaña de recollida de firmas para solicitar a mellora da atención pediátrica na localidade. «Vimos que moita xente que nos firmaba nos dicía que ademais do problema do pediatra había outras moitas cousas que non funcionaban ben», explican as nais que lideraron aquel movemento. A ausencia dun dos médicos non fixo máis que acrecentar aquel malestar larvado durante meses. E é que «ao médico que está de baixa non o substitúen, o outro vén algúns días polas tardes, outros non, ás veces mandan a outro doutor... Ao final non se sabe nin cando vai haber médico nin que médico vai ser», explican os veciños da localidade.

Ese barullo provocou que, xa en varias ocasións, o Concello de Catoira trasladase o seu malestar á xerencia da EOXI Pontevedra-O Salnés. Pero, a pesar das boas palabras dese departamento, o problema segue sobre a mesa. E os veciños están cansos de agardar unha solución que non chega nunca. Por esa razón, o domingo convocaron unha protesta á que agardan que asista un gran número de persoas. «A xente está moi cansa e moi queimada de todo isto, e pensamos que imos ter resposta», explican as organizadoras.

Hoxe mesmo, este colectivo cursará unha invitación oficial aos tres grupos con representación municipal: o nacionalista que ostenta o goberno e encabeza Xoán Castaño; o PSOE de Alberto García e o PP de Iván Caamaño. A intención é que todos eles se sumen á marcha do domingo, axudando mesmo a portar a pancarta coa que se abrirá a protesta. «Confiamos en que, como representantes que son dos veciños, estean ao noso lado».

A organización invita os partidos políticos a sumarse á protesta deste domingo ao mediodía