O Gato de Catoira, de guerreiro celta a xefe vikingo á fronte da conquista

CATOIRA

CEDIDA

Sergio enfundouse por primeira vez un traxe do antigo pobo do norte para protagonizar o vídeo promocional da carreira Romaría Vikinga 10K. O gardamallas fixo con anterioridade de extra na premiada película "La sombra de la ley", e actuou no videoclip dunha amiga

18 mares 2019 . Actualizado ás 16:32 h.

As vagadas de hordas vikingas fixeron mundialmente famosa a Catoira. Asaltos estrondosos que inda hoxe se repiten cada primeiro domingo de agosto nas Torres de Oeste. O pacto tácito de non agresión o resto do ano entre bárbaros e veciños do lugar rompíase hai unhas semanas cunha incursión singular, comandada polo máis insospeitado dos xefes do pobo do norte. Nun golpe audaz, Sergio Álvarez escribíu un novo capítulo na lenda do Gato de Catoira. Liderando un desembarco silente a plena luz do día á conquista dun dos novos tesouros da vila chave e selo de Galicia. Tras tomar terra nun drakkar á fronte dunha expedición de guerreiros, o porteiro do Celta de Vigo ideou un plan para arrebatarlles ao grupo de atletas custodios o casco vikingo que un ano máis coroará as cabezas do gañador e da gañadora da Carreira Popular Romaría Vikinga 10K. De maneira incruenta. Coa astucia felina de quen se infiltra nunha taberna para roubarlles nos fuciños aos seus inimigos o seu ben máis prezado, e rematar berrando un grito de vitoria.

A secuencia do asalto está dispoñible a conta do traballo da organización da Romaría Vikinga 10K. Unha proba que o domingo 31 de marzo vivirá a súa quinta edición, tirando por terceira ocasión dos seus creativos e da imaxe duns colaboradores de excepción para promocionarse a través das redes sociais cun vídeo no que atletas e guerreiros vikingos se disputan o casco dos gañadores da carreira.

Logo da participación de deportistas da talla de Víctor Riobó, de Gustavo Rodríguez, de Saleta Castro ou de Paula Mallobre, os responsables da Romaría Vikinga 10K propuxéronlle a Sergio Álvarez ser o protagonista do vídeo deste ano. E el, «encantado».

«Goceino ao máximo», conta o gardamallas de Primeira dunha rodaxe que se realizou nunha tarde. «É algo diferente. E cando se trata de promocionar algo do meu pobo, son o primeiro en apuntarme. Promocionar Catoira, e promocionar o deporte. Non hai mellor cousa», comenta. Sobre todo, cando lle proporciona a oportunidade de enfundarse por vez primeira un traxe de vikingo. Unha situación impropia dun catoirense de 32 anos sen forza maior de por medio. «Sempre quixen ir á festa da Romaría Vikinga, pero levo desde rapaz no Celta, e nesas datas estou sempre de pretempada». E si, como o vai negar, «fíxome ilusión» estrearse na pel deses saqueadores do norte que remataron bautizando os seus paisanos. «Nacín un 3 de agosto, son vikingo. No meu carácter teño esa parte de vikingo tamén. Síntome moi vikingo», brande o porteiro.

Escoitándoo falar dunha experiencia moi divertida, preguntámoslle con que o pasou mellor na rodaxe do vídeo da carreira.

-Sobre todo, co momento no que imos no barco dirixíndonos a terra e simulando que queremos conquistar Catoira. Ese momento de ‘¡Vou conquistar Catoira!’.

O certo é que esta non é a primeira experiencia como actor do Gato de Catoira. Cando se lle saca o asunto, escápaselle unha gargallada, acompañada dun «fixen os meus pinitos». Un deles, nada menos que na premiada La sombra de la ley, dirixida por Dani de la Torre e protagonizada polo xigante da interpretación Luis Tosar. Foi algo máis dun ano. «Un amigo estaba de extra, e cando rodaron en Pontevedra acerqueime. Quería ver como se rodaba, como traballaban os grandes actores, e a diferenza co que ves logo no cine», recorda. E tal era a súa ilusión, que se ofreceu a aparecer de extra. Máis dunha persoa lle preguntou tras a estrea da película se el era ese que paseaba pola rúa e mercaba un xornal nunha escena. 

A filmografía de Sergio Álvarez complétase ata hoxe coa súa aparición no videclip musical dunha amiga do instituto que está a iniciar a súa carreira musical. «Eu son botado para adiante, e cando se trata de axudar, e máis a unha amiga, encantado», afirma.

O Gato de Catoira é moi consciente de que o de porteiro é unha ocupación con caducidade. Vese un futuro actor? «Atráeme», resposta. Pero sabe que nin está preparado para a profesión, nin quere aproveitar o seu oficio para ilo facendo: «O fútbol agora está moi mediatizado. Todo se magnifica. E hai que ter moito coidado, porque somos o espello de moitos nenos, que todo o copian». Palabras dun sabio e bravo xefe guerreiro.