Alberto García cumpre 30 anos de alcalde en Catoira e aspira a repetir

Bea Costa
Bea Costa CATOIRA

CATOIRA

Mónica Irago

O PSOE presentou este sábado a candidatura para as eleccións de maio

17 mares 2019 . Actualizado ás 13:10 h.

En 1989 colleu o bastón de mando. Trinta anos despois segue sendo alcalde de Catoira e preséntase ás eleccións de maio con aspiracións de manterse no cargo, se é posible, con máis apoio que agora. Nas eleccións do 2015 quedou a poucos votos de conseguir o oitavo concelleiro para o PSOE. No 2019 espera que Elena Coira, que ocupa o posto número oito da lista, forme parte do grupo municipal, e non descarta que o faga tamén a seguinte na lista, Carla Falcón. O PSOE de Catoira xa chegou a ter nove concelleiros nunha corporación de once membros, aínda que tamén viviu os tempos de vacas fracas, dun goberno de cinco, en minoría.

Alberto García di que está preparado para afrontar o escenario que deixen as eleccións do 2019, aínda que, de repetir, está por ver que acabe o mandato. A traxedia da morte de Carlos Castaño truncou os seus plans. O rexedor pensara no concelleiro falecido o ano pasado nun accidente de kitesurf como o seu sucesor, facendo unha substitución tranquilo, como o foi o que o levou a el tres décadas atrás a presidir o Concello en substitución de Andrés Castaño. «Pero o home propón e Deus dispón», lamentábase onte o socialista. Tempo haberá a pensar nesas cuestións. De momento, o que toca é gañar as eleccións e para iso presenta como o seu mellor aval os seus anos de experiencia e un equipo moi renovado, consecuencia, en parte, da perda de dous concelleiros nos últimos meses, ambos por accidente: o mencionado Carlos Castaño e Eduardo Touriño.

O PSOE de Catoira presentou este mediodía a súa candidatura nun acto multitudinario que se celebrou ás dúas da tarde no edificio multiusos, ao que acudiron dirixentes socialistas como Carmela Silva e David Regades, e estivo seguido dunha comida. Cos 65 anos cumpridos, Alberto García xubilouse, xa que logo xa non cobra un soldo do Concello, pero iso non o apartou da primeira liña política. «Non teño dedicación exclusiva, pero teño dedicación plena», sinala. A receita para gañarse a confianza dos seus veciños durante trinta anos?, preguntamos. «Non son un político á usanza, nunca se me deu por iso de escalar no partido. Eu entendo a política como un servizo aos veciños e a Catoira». E dentro deses servizos figura a atención ás persoas de máis idade. Un dos seus proxectos estrela é a creación dun servizo de prevención e atención aos enfermos de Alzheimer e as súas familias.

A lista

Por esta orde, do un ao once, a lista confórmana: Alberto García, Beatriz Busto, Roberto Bouzón, Francisco Javier César Costoya, Purificación Quintás, Daniel Touriño, Salva Losada Lorenzo, Lorena Coira, Carla Falcón, Fátima Pombo e Enrique Rodríguez.