Touriño derrota a dor e a adversidade para reunir o seu segundo repóker

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CATOIRA

Cedida

Volve encadear os cinco grandes títulos do canicrós galego e español gañando o Nacional sobre Neve con problemas para camiñar, sen apenas flexibilidade nos pés, e sen o seu can titular, lesionado

13 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Cinco, por dous. Mónica Touriño revalidou o pasado domingo en Baqueira Beret, Lérida, a fazaña coa que a tempada pasada agrandara en varias tallas a dimensión de quen é a mellor canicrósser española de historia. Coa conquista do Campionato de España de Mushing sobre Neve, a catoirense reunía por segundo ano consecutivo os cinco grandes títulos do canicrós sénior feminino sobre neve e sobre terra tanto autonómicos -Liga e Campionato Galegos- coma estatais -Copa e Nacional-. Pero se din que o máis difícil non é chegar, senón manterse, no caso da deportista vikinga o seu segundo repóker materializouse cargado desa épica que leva ao límite a resistencia da materia da que están feitos os campións.

Mónica Touriño gañou o Campionato de España de Mushing sobre Neve lesionada. Iso se ao que padece se lle pode chamar lesión, algo que terá que dictaminar o seu reumatólogo o vindeiro mes. Porque é probable que o que leva padecendo a catoirense durante toda a tempada, pero con especial sufrimento nos últimos dous meses, sexa unha evolución da artrite reumatoide coa que leva convivindo case a metade dos seus 43 anos de vida, e que ata hoxe non lle impedíu dominar o seu deporte en España, e figurar no Top 10 internacional xunto cos seus compañeiros caninos.

«Desde que compito», hai xa unha década, «a artrite estabilizóuseme. Comezárame nun pé, pero onde máis me afectou é no pulso dereito. Á hora de adestrar e de correr só sufría crises curtas, de non rendir un par de días soltos», conta Touriño. Ata esta tempada.

«Comecei a ter problemas ao volver do Campionato de Europa, na primeira proba da Copa de España en novembro. Comecei notar molestias, e cando Óscar -Piñeiro, compañeiro de equipo no Kennel Den, e o seu preparador físico e fisioterapeuta desde hai sete anos- me tocou o pé esquerdo díxome «¡Buff! A cápsula está engrosada». Un diagnóstico que debería ter confirmado ou corrixido o reumatólogo de Mónica en febreiro, mais un retraso na cita trimestral co especialista que desde hai anos forma parte da rutina vital da vikinga, unido aos seus síntomas, manteñen en vigor a hipótese do fisioterapeuta. «Acostumeime a convivir coa dor, non me limitaba. Pero desde a derradeira proba da Copa de España, en La Fresneda -a mediados de xaneiro-, a dor aumentou, e aféctame ao día a día. Cústame ata baixar unhas escaleiras. Apenas teño mobilidade no pé», relata a afectada.

Touriño disputou nestas penosas condicións as dúas últimas probas da Liga Galega, e recentemente acudíu ao Campionato de Castela-León de Mushing sobre Neve con vistas ao Nacional onde, di, «o pasei moi mal; fatal, fatal». Ata o punto de que o seu espírito indómito sopesou a claudicación ao pensar na cita de Baqueira.

«Penseino moito», confesa. Pero a súa xente, e os cans, que «sempre están motivándote», acabárona convencendo de saír á conquista do seu segundo repóker nas peores condicións da súa carreira. Co pé pronando perigosamente, e cunha abraiantemente limitada capacidade de dorsiflexión -movemento recto do xeonllo cara adiante co talón apoiado- nunha deportista de elite como Touriño, de 7 centímetros no pé dereito e de ¡-1! no esquerdo, cando o recomendable para o deporte de elite é empezar a falar de entre os 10 e 12, sinala a canicrósser.

O estado do pé producíulle unha tremenda descompensación esquelética e muscular, con problemas para camiñar, e ata para durmir. Circunstancias ás que Mónica Touriño houbo de engadirlle o cambio de última hora da súa parella de equipo. Unha herba cravada nunha pata, e unha posterior infección descuberta o pasado venres na véspera do inicio do Campionato de España, descartaron a Nepal, compañeiro da arousá nas súas tres últimas e máis exitosas tempadas, obrigando a canicrósser a tirar do seu can de reserva. Siddharta, alaskano como Nepal, co que só competira nunha proba da Copa de España a tempada pasada; certo é tamén, con experiencia máis que sobrada na elite, por canto é o compañeiro habitual do gran dominador do canicrós sénior masculino español, Óscar Piñeiro, co que xa conquistou un bronce continental.

Nestas circunstancias, nun medio que apenas toca unha ou dúas veces por tempada, Mónica Touriño sacáballe o sábado 3 minutos e 15 segundos á aragonesa Tamara Vázquez ao termo da primeira xornada sobre os 4,5 quilómetros de subidas e de baixadas a preto de 2.000 metros de altitude do circuito de Baqueira Beret. O domingo coroábase raíña española das neves cunha vantaxe de 5.08 sobre a mesma competidora. «Foi un premio. Polo fisicamente mal que estou, merecíame acabar así a tempada», declara a indómita vikinga.