O cameo de luxo do Gato de Catoira

m. santaló CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

MONICA IRAGO

Arantxa Pérez grava na súa terra un videoclip no que tamén participa o porteiro do Celta Sergio Álvarez

09 ene 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Tres, dous, un... Acción. A cámara apunta a Óscar Muñiz. Está abrindo a porta do Galeón Viquingo de Catoira. Faino con ganas. Como un debe dirixirse ao lugar no que agardar a unha persoa importante. Esa persoa é Arantxa Pérez, que discutiu coa súa parella, pero sobe ao escenario coas mesmas forzas coas que Óscar abre a porta. Ten unha cita moi agardada: co seu público. E na súa terra. Os feitos precipítanse e tamén entran en escena o noivo encabuxado e a moza á que chamou tras a disputa. Unha disputa tan irreal como as relacións que se van forxando diante dos focos e que teñen como obxectivo dar visibilidade a Non hai remedio, o sinxelo do primeiro disco de Arantxa. Óscar, de Ribeira, é en realidade un compañeiro de traballo. Pola súa banda, o noivo postizo non é outro que o porteiro do Celta de Vigo e amigo da cantautora catoiresa, Sergio Álvarez. O cuartero complétao outra amiga, Ariadna Janeiro, de Padrón. Os seus falsos enredos amorosos dan vida ao tema elixido por Arantxa para gravar un videoclip: «Decantámonos por esta canción pola forza que ten emocionalmente».

Da man destes catro novos, o Galeón Viquingo converteuse en escenario. O terceiro elixido pola cantautora para as gravacións. «Tamén estivemos no hotel Castro do Balneario, de Cuntis, e nas rúas de Carril», explica Arantxa. Se o hotel foi o lugar idóneo para simular a casa na que a que transcorre a disputa á que se fai alusión na canción, o Galeón Viquingo non podía ser máis apropiado para servir de escenario para acoller a función coa que finaliza o videoclip. O seu propietario, Fernando Rial, móstrase encantado coa elección. «É un pracer poder botar unha man», indica. Non fixeron falta transformacións: O seu local está cada vez máis vinculado coa música e conta con todo o equipamento necesario para que quen así o desexen só teñan saír a escena e tocar. Se Arantxa e Sergio son catoireses, non podía faltar un local da súa terra para focalizar a historia.

No de cinguirse a un papel, os catro son novos. E, os catro séntense máis cómodos nos seus respectivos ámbitos profesionais. Pero, dos nervios foron pasando á diversión conforme avanzaban. «É unha experiencia nova e bonita, estou encantado de poder botar unha man a xente de Catoira», indica Sergio, que tivo que facer malabarismos para atopar unha data dispoñible. Onte foi o día.

Os seus tres compañeiros de guion comparten perspectivas. Para Óscar e Ariadna a escena máis complicada foi na que se coñecían. E é que, na vida real, non foron presentados moito antes que na ficción. O seu nexo en común é Arantxa, que tamén se sente moito máis cómoda cantando que actuando. «Non se se me custaron máis as escenas nas que Sergio e eu estabamos enfadados ou nas que estabamos cariñosos. E mira que non hai bicos nin nada», ri. Nervios á marxe, está encantada co proxecto: Confía en que o videoclip lle axude a lanzar o disco que sacou o pasado xullo e que xa presentou en Madrid, Hai tanto camiño por andar, baixo a produción de Jordi Cristau. «Son dez cancións. Hai varios estilos, pero pode catalogarse como pop», indica Arantxa.

Maquillaxe e cambios de vestiario completaron a xornada. Disto último encárgase Ariadna. «Nisto se estou nas miñas salsa», afirma. Ten unha tenda de moda en Padrón, Bombón Elegante, e exerce de estilista dalgún dos presentadores de Luar. «Fomos á súa tenda e escollemos os modelitos que levamos ambas», explica Arantxa. Unha produción propia, cos seus e na súa terra que está a desexar que vexa a luz. Ilusión e traballo non lle falta.