A punto de esgotarse as entradas para ver o colombiano Beéle en Cambados

María Santamaría / R. E. CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

M.S.S.

O festival Son do Mar ofrécelles a fin de semana previa á Festa do Albariño un amplo catálogo de música urbana, indie e rock aos asistentes

18 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A menos dunha semana do inicio da cuarta edición do festival Son do Mar, as entradas están xa a punto de esgotarse. O 24, 25, 26 e 27 de xullo, a zona do Pombal, no concello de Cambados, vaise converter nun faro cultural que serve tamén de previa para as Festas do Albariño.

Este festival diferénciase de moitos outros, non só pola súa localización, se non tamén porque cada día se lle dá o protagonismo a un xénero musical. Ademais, contan coa exclusividade de que a maioría de artistas que conforman o cartel é raro velos noutros festivais, algo que non soe acontecer.

O xoves 24 a protagonista será a música indie, con estrelas como Shinova, Dorian ou Ultraligera, grupo que o organizador do festival, Virvi Fraga, cualificaba como «os novos Arde Bogotá» na presentación do evento.

O venres será cando a sexta edición do Sachaso Rock faga soar en Cambados a grupos míticos do panorama español. El Drogas, Ilegales e as letras irreverentes e en galego de Herdeiros da Crus serán a principal atracción do día. A presentación do festival viveu un momento especial cando Javi Maneiro, actual líder do grupo de Ribeira, cantou Corasón de Carballo, ao son da súa propia guitarra.

«Encántanos o rock, pero sabemos que hai gustos musicais distintos e somos sensibles a isto», explicaba Virvi Fraga. É por iso que o sábado 26 Cambados acolle a un dos artistas máis exitosos do momento no panorama musical global. Con case 40.000 oíntes mensuais na plataforma musical Spotify e estando entre os cen artistas máis escoitados do mundo, Beéle actuará en Cambados cun concerto integral e pechando a súa xira por España.

Xunto a el actuarán o arxentino L-Gante, coñecido pola súa colaboración co famoso produtor Bizarrap, Drefquila e a española Mar Lucas. O aforo da zona do Pombal é de 5.500 persoas, pero as entradas desta noite están a piques de esgotarse.

Virvi Fraga explicou na presentación do Son do Mar, que o concerto de Beéle nace grazas á súa gran relación có mundo do espectáculo. Cando lle ofreceron traer ao artista a Cambados este decidiu rexeitar a proposta, debido ao seu elevado caché de 200.000 euros, pero máis tarde, en marzo, aceptou. Nese momento a organización do festival non sabía que o colombiano a «ía romper tanto» no panorama musical.

A actuación de comedia Mentes Perigosas será a encargada de pechar o festival, un espectáculo no que participan Xosé A. Touriñán, Leo Harlem, David Cepo e Galder Varas e que xa esgotou todas as entradas. As portas do recinto abrirán o xoves e o venres ás sete e media da tarde, xa que os concertos comezan sobre as oito e media, pero o día do monólogo abrirán ás nove e a sesión de música urbana do sábado comezará as 19.45 horas. No festival poderanse degustar produtos diferentes de ata seis postos, que inclúen opcións para as persoas con intolerancias alimentarias.

O Son do Mar trasladouse a Cambados despois de non chegar a un acordo co Concello do Grove e o alcalde, Samuel Lago, declaraba que esta é unha «iniciativa que acollemos de bo gusto, xa que non piden moito». Moitos dos concellos dos arredores da zona contan con festivais propios, polo que Tino Cordal, concelleiro de Festas, destacaba a importancia de que a vila do albariño contase con un evento como Son do Mar.