Ninguén quere quedar descolgado de WhatsApp: comezan os cursos de manexo do móbil en Cambados con lista de espera

Bea Costa
Bea Costa CAMBADOS

CAMBADOS

Martina Miser

A iniciativa arrinca con 48 alumnos, cunha media de idade de 70 anos

31 ene 2023 . Actualizado ás 17:42 h.

O Concello de Cambados iniciou este luns os cursos sobre manexo de móbiles dirixidos ás persoas maiores, ou non tanto. A partir dos 55 anos xa se pode optar a esta oferta formativa, aínda que a media de idade dos asistentes rolda os setenta anos. As clases de smartphone impártense os luns e martes na Casa dá Calzada (Exposalnés), os mércores na casa da cultura de Oubiña e os xoves na de Corvillón. Organizáronse grupos de doce persoas co fin de non masificar e ofrecer así unha atención personalizada, e máis prazas que houbese porque hai lista de espera. De feito, a raíz do interese que espertou a iniciativa, o que ía ser unha actividade limitada ás parroquias estendeuse tamén ao centro urbano.

As novas tecnoloxías avanzan de tal forma que resulta difícil seguirlle o ritmo, e a xente quere estar ao día para acceder a todas posibilidades que ofrece ter Internet na man, para gozar e para evitar estafas á hora de facer unha compra ou de clicar nunha ligazón fraudulenta. Constátano no departamento de Cultura do Concello de Cambados, onde xurdiu a idea de impartir estes cursos. Ao amparo do programa MaiorMente estaban a realizarse xa actividades de iniciación á informática, ximnasia, psicomotricidade e memoria e foron os propios usuarios os que expuxeron que, ademais, sería bo que alguén lles axudase a mellorar as súas capacidades no manexo dos teléfonos móbiles. Os que non teñen WhatsApp queren telo e entre os que o teñen instalado non todos saben usalo ben; tamén hai quen ten o teléfono baleiro de contactos porque non é capaz de introducilos no sistema e quen querería enviar e recibir fotos e vese obrigado a recorrer ao seu fillo ou o seu neto.

Na concellaría que dirixe Tino Cordal captaron a mensaxe e desde este mes e ata xuño, a razón dunha hora á semana, hai un técnico en informática que lles guía polo universo da pantalla. Non falta quen cre saber máis do que realmente sabe e agarda saír da primeira clase editando un vídeo, pero convén ir paso a paso, indica o profesor. O obxectivo é chegar ao verán sendo autosuficientes no uso do móbil.