Espinacas, acelgas, coliflor e os mellores limóns do país

m. A. REDACCIÓN / LA VOZ

CAMBADOS

Maruxa Alfonso

As baixas temperaturas animan a preparar pratos de culler con verduras que agora están en plena tempada

26 ene 2022 . Actualizado ás 09:37 h.

As temperaturas caeron drasticamente nos últimos días e na mesma proporción creceron as nosas ganas de pratos de culler, de sopas e caldos con verduras de todo tipo. E en calquera mercado galego pódense atopar estes días verduras de todo tipo, aptas para todos os gustos e petos. Porque ademais do grelo e o repolo, tan típicos nesta comunidade, hai tamén espinacas, acelgas e coliflor que axudarán, sin duda, a combater o frío destes días.

Espinacas e acelgas

O alimento de Popeye. Foron uns debuxos animados os que se encargaron de popularizar esta verdura que tantos beneficios ten para a saúde. É unha fonte excelente de vitaminas K, A e C, ademais de ácido fólico. Outra das súas vantaxes é que pode ser utilizada de mil formas diferentes. Pódese comer crúa en ensalada, cocida nunha boa sopa ou salteada nunha rica tortilla. Tamén as acelgas son unha boa opción se estamos a pensar en facer unha sopa. Porque, ademais do seu exquisito sabor, son unha gran fonte de fibra, un importante antioxidante e axudan a controlar o colesterol.

Coliflor

De prato principal ou de acompañante. A coliflor é, xunto cos grelos, a verdura que actualmente está no seu mellor momento. De feito, desde hai unhas semanas abunda en todos os mercados galegos a prezos máis que competitivos, que poden ser de ata un euro por peza. Ademais, é un alimento moi versátil, pois pode ser o prato principal, protagonizando unha infinidade de receitas, ou servirse tamén de acompañante. Entre as súas propiedades destacan as súas baixas calorías e o seu alto contido en minerais e vitaminas. Ten tamén gran cantidade de fibra e é unha boa fonte de antioxidantes.

Limóns 

De quilómetro cero. En canto ás froitas, ademais das laranxas estes días podemos atopar nos mercados o limón galego. Na Horta de Berto, en Cambados, tíñano onte a un euro o quilo. Esta froita axuda a previr a anemia e favorece a dixestión, ademais de que reduce o colesterol.