Somos valora que os Orzamentos do Estado recollan os compromisos con Cambados

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

Xurxo Charlín subliña a ampliación do horizonte para a execución da remodelación da praza de abastos

15 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

«Aínda que botamos en falla algún investimento máis, a verdade é que estamos satisfeitos ao comprobar que o Goberno mantén os seus compromisos con Cambados». Esta é, en resumo, a opinión que o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para o ano que vén, entregado o mércores polo Ministerio de Facenda ao Congreso dos Deputados, merécelle ao concelleiro de Facenda, Xurxo Charlín, pertencente á formación Somos Cambados.

O documento reserva 3,1 millóns de euros para a creación do macrocuartel da Garda Civil, o que garante que, polo menos desde o punto de vista financeiro, a súa construción poida comezar ao longo do 2022. O borrador das contas prevé apenas dez mil euros o ano que vén para a remodelación da praza de abastos e a lonxa vella de Cambados. Pero o importante non é esta cifra, senón o feito de que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana teña colocado o groso do investimento entre o 2023 e o 2025, outorgando, polo tanto, un amplo horizonte para que as trabas burocráticas ao proxecto váianse superando. Niso, lembra Charlín, tiveron moito que ver as xestións realizadas desde o Concello, que incluíron seis reunións específicas en Madrid. Aínda que o investimento principal, 2,1 millóns, asúmea a Administración central, tamén participan o Concello, cun millón, e a Xunta, con 600.000 euros.