Cambados abre un balcón ao estanque da Seca, onde os ladróns xa actuaron

b. c. CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

Un dos bancos instalados nunha zona con excelentes vistas desapareceu

03 ago 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O estanque da Seca (Cambados) pódese ver agora desde outra perspectiva. A que ofrece a zona axardinada que se habilitou na cara Oeste, ao lado do centro sociocultural de Corvillón. Unha baixada desde a parte alta ata o paseo actúa como unha sorte de balcón onde, ademais de fermosas vistas, gañouse un espazo para pasear e descansar. Onde había eucaliptos plantáronse outras árbores e céspede e instalouse tamén un sistema de rega automática e bancos para sentarse. Os ladróns non dan tregua porque aos poucos días de instalalos xa desapareceu un deles.

A alcaldesa, Fátima Abal, e o concelleiro de Obras, Samuel Lago, trasladáronse onte ao momento para presentar esta actuación, que inclúe a colocación de paneis informativos sobre a fauna e flora do ecosistema que forma o estanque da Seca. Esta actuación custou 60.000 euros, que se financiaron con fondos da Xunta e do Plan Concellos da Deputación, e contou coa colaboración do taller de emprego e de persoas que doaron as fotografías para a posta en valor desta contorna natural.