A parroquia de Santa Mariña de Cambados restaura un retablo do século XVIII

r. Ares / b. c CAMBADOS

CAMBADOS

MONICA IRAGO

A actuación realízase con achegas da parroquia e de dúas confrarías relixiosas e ten un custo de 17.000 euros

23 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A igrexa parroquial de Santa Mariña Dozo de Cambados comezou a rehabilitación dun dos seus retablos máis antigos. O proceso foi financiado en dúas fases. A primeira, xa rematada, consistiu na desinfección da obra. Resultou unha tarefa laboriosa eliminar a praga de térmites e polillas que asediaban a peza, ao tratarse dunha delicada peza do século XVIII.

Agárdase que a finais de agosto, cando as festas e celebracións da tempada estival teñan concluído, comece a segunda parte do proxecto. Tras desmontar a estrutura, esta trasladarase ao taller da empresa da que é socio o cambadés José Aguiño, Esteo técnica na conservación e restauración.

O fragmento do retablo danado ocúpao a imaxe principal, protagonizada pola nosa Señora das Angustias. As demais escenas que a rodean xa foron restauradas con anterioridade. Ata agora, non fora posible facer fronte ao investimento que supón a reparación da peza completa, dado que o custo total do proceso ascende aos 17.000 euros.

Como os últimos dous anos a parroquia puido aforrar as ganancias obtidas pola venda da lotería de Nadal, estas serán investidas agora en recuperar esta xoia do patrimonio local. A metade do custo afrontarano a parroquia e a confraría das Angustias. Pola súa banda, a confraría de San Roque contribuíu economicamente para poder levar a cabo a desinfección da imaxe.

Ano Xacobeo

Situada no centro de Cambados , a igrexa de Santa Mariña, de estilo gótico e renacentista, constitúe un dos atractivos do Camiño de Santiago e a Ruta do Mar de Arousa e Ulla.

Non resulta de estrañar, xa que logo, que a congregación decida pór a punto o interior do edificio para recibir aos últimos peregrinos do actual ano Xacobeo. Co gallo da pandemia a celebración alongarase de xeito excepcional ata finais do próximo ano e a Ruta do Pai Sarmiento -que pasa pola vila do albariño- pode actuar de acicate para atraer visitas a Cambados.