Seis concellos arousáns, sen novos casos de covid na última semana

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido REDACCIÓN / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

O Sergas realizará mañá e o martes un cribado no Salón Pena de Cambados

09 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Ao lado da complexa situación que se está vivindo tanto en Cambados como en Vilanova xorden pequenos brotes verdes que contribúen a alimentar o optimismo. Xorden botándolle, por exemplo, unha ollada aos datos da semana que acaba de rematar. Uns datos que indican que ata en seis concellos arousáns non se diagnosticou ningún novo caso nos sete últimos días e que nunha localidade do tamaño de Vilagarcía só apareceron doce, o que guinda unha incidencia a sete días de 32 casos por cen mil habitantes.

A cruz protagonízana Cambados e Vilanova. Na vila do albariño a incidencia non dá tregua e xa supera os 600 casos por cen mil habitantes a catorce días. Alí realizouse un cribado a pasada semana no colexio de Corvillón que se pechou sen ningún positivo detectado e o edil Tino Cordal (Somos Cambados) reclama que se fagan nos demais centros escolares da localidade. O Sergas si organizou xa un cribado poboacional, pero dirixido a 1.200 persoas de entre 30 e 39 anos de idade que serán sometidos á proba no Salón Pena. A cita será mañá luns e o martes en horario matutino e vespertino. A Policía Local e a Garda Civil están vixiando os accesos para que todo aquel que entre e saia na localidade fágao unicamente se ten unha causa xustificada e o control hase saldado, polo momento, cunha proposta de denuncia.

Vilanova é a outra localidade da comarca do Salnés que está no nivel máximo de restricións pola súa desbocada incidencia. A pesar de que leva varios días nese status, as cifras non rematan de mellorar. A sete días, a incidencia está en 204 casos por cen mil habitantes, un dato que aventura que o problema está aínda lonxe de solucionarse. A catorce días o panorama, está claro, tampouco remata de aclararse e segue por amais dos 350.

En Vilanova realizouse a finais da semana pasada un cribado. A el estaban citados 1.598 persoas de entre 50 e 64 anos de idade, das que acudiron á cita 991, é dicir algo máis do 62% dos convocados. Nas probas realizadas detectáronse dous casos positivos, segundo informa o Sergas.

Vacinación en Fexdega

Un cribado está a realizarse tamén no pavillón de Fexdega de Vilagarcía. Comezou o venres dado o alto número de persoas que foron convocadas, preto de cinco mil, e concluirá na tarde de hoxe. O recinto da Maroma sobordou de actividade sanitaria durante estes días, xa que foi un dos dous elixidos na área sanitaria Pontevedra O Salnés para ser unha das zonas de vacinación masiva.