Cambados mantén unha alta incidencia e encamíñase cara a máis restricións

Antonio Garrido Viñas
Antonio garrido REDACCIÓN / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

O 60% dos citados acudiron ao cribado do domingo, que detectou catro positivos

04 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A incidencia a sete días segue disparada en Cambados . Está en 226 casos por cen mil habitantes a sete días e todo parece indicar que o nivel alto de restricións que arrincou onte na vila do albariño podería ter unha duración efémera e que a localidade dará un salto inminente ao máximo, o que implicaría o peche perimetral e que a hostalería, que polo momento pode manter as terrazas abertas, teña que baixar os enreixados. Unha situación similar viviu Vilanova, que é un dos tres únicos municipios de Galicia que están agora perimetrados; o salto á peor das categorías foi cuestión de poucos días. E a comparación entre ambos os concellos segundo os datos do Sergas non aventura boas novas para os cambadeses, posto que o dato a sete días é peor que na localidade veciña, que está en 184 positivos por cen mil habitantes. A cifra en ambos é superior aos trescentos cando falamos da incidencia a catorce días; 313 en Cambados e 369 en Vilanova. O comité clínico reúnese esta tarde e a situación de ambas as localidades seguro que será das que se estudará con empeño. Non sería de estrañar que a localidade cambadesa pasase ao nivel máximo.

O pasado domingo realizouse un cribado poboacional na vila do albariño dirixido a veciños de entre 40 e 49 anos. Estaban citadas 1644 persoas e acudiron 987, é dicir un 60%. De entre os que acudiron detectáronse catro positivos asintomáticos.

A situación de Cambados e Vilanova é a peor das que se rexistran nas comarcas do Salnés e o Baixo Ulla, pero o certo é que o covid segue sen dar tregua. Localidades como Valga ou A Illa, que conseguiran estar nas últimas semanas sen novos casos, viron como xurdiu xa algún novo positivo. Aínda, afortunadamente, sen chegar aos que rexistran as localidades veciñas.

En Vilagarcía, a incidencia sete días creceu nos últimos días e está en 99 casos por cen mil habitantes. Mala cousas se esa dinámica se mantivese no tempo. A catorce días, o dato está en 150.

Entre os municipios que poderían ver rebaixado tras a reunión de hoxe as súas restricións aparece Meaño, que estará no nivel alto ata finais desta semana, pero que rebaixou a súa incidencia de xeito notable nos últimos días e onde se diagnosticaron menos de dez positivos nas dúas últimas semanas. Tamén mellorou de xeito máis que significativa O Grove, cuxa curva de casos decreceu dun xeito explícito: menos de dez novos positivos na última semana e unha incidencia a catorce días que está en 113 positivos por cen mil habitantes.