Concello de Cambados e Zona Centro inician unha nova campaña de bonos de compra

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

CEDIDA

A iniciativa esténdese tamén á hostalería e refórzase coa decoración a cargo da administración de rúas e negocios

23 abr 2021 . Actualizado ás 12:07 h.

Cambados florece. Con este colorido lema bautizaron a Asociación Zona Centro e o Concello da vila do albariño a campaña coa que pretenden impulsar conxuntamente a reactivación do consumo entre o comercio e a hostalería local. Unha campaña que se sustentará sobre catro alicerces. A posta en circulación de vales de compra 3x2, a decoración de rúas e negocios, a visibilización de establecementos a través das contas en redes sociais do Concello de Cambados e unha serie de concertos musicais enmarcados no programa cultural polo Día das Letras Galegas. Con todo iso, «a ver se a iniciativa axuda a mover o noso comercio, que o está a pasar moi mal», apuntaba o presidente de Zona Centro, Juan Rey , acompañado na presentación da campaña polos concelleiros de Promoción Económica, Xurxo Charlín, da área de Comercio, Fernando Patricio, e da de Cultura, Tino Cordal

Os vales 3x2 seguen o mesmo funcionamento que tan bos resultados deu a recente campaña de Nadal promovido por Zona Centro. Coa asociación sectorial ofrecendo ao consumidor a posibilidade de trocar 20 euros por dous vales de 10 euros en compras cada un recibindo un terceiro doutros 10. Deste xeito paga 20 a cambio de ter 30 no peto. Con tres grandes novidades respecto da anterior campaña. A primeira, que os vales poderán servir de medio de abono tanto en comercios como na hostalería, pechada en decembro. A segunda, que a iniciativa se abre tamén a calquera negocio da localidade, estea ou non asociado a Zona Centro, debendo os deste último grupo inscribirse previamente, do 14 ao 23 de abril, na entidade. E a terceira, que nesta ocasión é o Concello o que achega os 10.000 euros de custo da iniciativa.

Juan Rey explicou que toda persoa que teña cumprido os 16 anos interesada nos bonos poderá adquirilos, un máximo de dous, no local de Zona Centro (Rúa Nova, 4), Seguros Juan Rey (Avenida de Vilariño, 41) ou Seguros Noval (Rúa Os Píos, 1 Baixo), para trocar os vales entre o 26 de abril e o 31 de maio.

O concelleiro de Promoción Económica, Xurxo Charlín, resaltou que con esta medida se mobilizarán 30.000 euros en compras no sector servizos local. Tamén que co fin de multiplicar o seu efecto, o Concello procederá a decorar as principais vías comerciais de Cambados, isto é, as rúas Real, Nova, Mariña, Infantas, Curros Enríquez e Ourense, a Praza Ramón Cabanillas e a Avenida de Galicia, ofrecendo «aos comercios que o soliciten facerlles uns pequenos labores de decoración floral do seu interior». Tamén, engade, facer fotografías dos seus locais e produtos «para promocionalos a través das contas en redes sociais do Concello».

Máis aló da campaña Cambados florece, Xurxo Charlín apuntou que o goberno local está pendente do departamento municipal de intervención para publicar as bases dunha liña de axudas directas aos negocios de hostalería cambadeses que durante o 2020 facturasen o 50 % ou menos que no exercicio do 2019. Para eles consignouse unha partida de 40.000 euros, con 500 de máximo de axuda por local.

Catro concertos con artistas da comarca para multiplicar o impulso ao consumo local

«Cremos que esta campaña vai supoñer un grande impulso para o noso comercio e para a hostalaría», apuntaba onte o presidente de Zona Centro, Juan Rey . E esa é a intención do goberno local, sinalaba o seu concelleiro de Promoción Económica, que coas novas medidas en marcha, cifra na «150.000 euros os achegados polo Concello entre bonificacións fiscais, axudas directas e bonos» o comercio e a hostalería. «Non é moito, pero tentamos sumar ás axudas doutras administracións e poñer o noso gran de area a sectores que están sufrindo coa pandemia».

Charlín enmarcou as achegas municipais ao sector servizos de Cambados dentro dos límites nos que se move un executivo municipal cuns orzamentos prorrogados, adiantando a intención da «continuar coas campañas de vales 3x2, que é o que máis nos demandan os comerciantes e hostaleiros» partir de que se aproben as novas contas locais en maio.

Mentres, o goberno de Cambados tirou de transversalidade, presentando catro concertos de grupos da comarca, incluídos no programa das Letras Galegas, como gancho para fomentar o consumo nos negocios da vila do albariño. O sábado 8 de maio, con Quilma e Mascada sobre o escenario, e sete días despois, con Gancho Sánchez e Dani Cornes. No Pazo de Torrado, desde as 20.30 con entrada gratuíta e capacidade limitada ao estipulado na normativa contra a pandemia.