Cambados, Umia e Vilalonga pelexarán polo ascenso ou a Copa do Rei

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

lA Preferente porá en xogo dúas prazas na Terceira e unha na previa do gran torneo do k.o. da vindeira tempada

04 mares 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A Real Federación Galega de Fútbol confirmou esta semana o formato de competición que rexerá finalmente a Liga exprés da Preferente Galicia. Un campionato que se disputará entre o 28 de marzo e o 27 de xuño, logo dos dous aprazamentos obrigados pola segunda e pola terceira vagadas da pandemia de covid-19, coa primeira previsión de inicio a finais de novembro e a segunda para dous meses despois.

Como xa se sabía, o Céltiga mantívose na súa posición inicial, rexeitando como os veciños Xuventú Sanxenxo e Portonovo competir esta tempada. O Juventud Cambados, o Umia C.F. e o Vilalonga compartirán, como estaba programado de saída, subgrupo -en total hai seis, tres nas dúas provincias do norte e outros tantos nas do sur- co Pontevedra B, co Beluso e mais co Gran Peña, este último obrigando ao desprazamento máis longo na primeira fase do torneo, ata Vigo.

Na mencionada primeira fase os seis equipos xogarán todos contra todos a dobre volta. Os dous primeiros sairán no seguinte bloque da Liga a polo ascenso cos outros dous mellores dos outros tantos subgrupos da súa zona, neste caso o sur de Galicia. Neste treito da tempada xogaráse a unha única volta, cos dous equipos que máis puntos acumulen entre as dúas fases facéndose con cadansúa praza na Terceira 2021/22. Cun matiz, os campións de cada subgrupo levarán á segunda fase 3 puntos e os subcampións 1, sen medirse cos seus compañeiros do primeiro treito do curso.

Pero é que, como gran novidade, este ano o terceiro clasificado dos subgrupos ao termo da primeira fase tamén poderá optar a un suculento premio. Os tres terceiros dos subgrupos sur, por un lado, e os dos do norte, por outro, xogarán entre si dous partidos para ver quenes se enfrontan nunha final da que sairá o equipo galego que xogará a fase previa da Copa do Rei 2021/22.

Os xogadores da Preferente deberán pasar cada dúas semanas test de antíxenos como os da Terceira para poder competir.