Atopan 750 euros tirados nunha rúa de Cambados e a policía localiza ao dono

Bea Costa
Bea Costa CAMBADOS

CAMBADOS

MARTINA MISER

A cantidade foi entregada polo director da Caixa na xefatura da policía

01 mares 2021 . Actualizado ás 18:12 h.

Non é a primeira vez que ocorre algo parecido. Alguén atopa unha importante cantidade de diñeiro na rúa, entrégao na policía local e, grazas ás súas pescudas, pódese localizar ao dono. Ocorreu este mediodía en Cambados. O director da sucursal da Caixa, Iván Vidal Piñeiro, topouse con varios billetes de 50 e 20 euros esparexidos polo chan nas inmediacións do Concello e decidiu entregalos na policía. Eran as doce e non tardaron nin unha hora en dar co propietario, que resultou ser un home maior veciño de Fefiñáns. Os axentes chamaron ás oficinas bancarias de Cambados preguntando se alguén retirara unha cantidade de diñeiro similar a esa hora e resultou que en Abanca acababan de facer unha entrega en efectivo de 900 euros. Polo visto, ao seu dono deberon de caerlle dun peto, segundo o relato que ofrece o concelleiro de Seguridade Cidadá, Tino Cordal.

O home levou unha gran alegría e o concelleiro non tardou en pórse en contacto telefónico con Iván Vidal para expresarlle a súa gratitude. Nos próximos días visitarao persoalmente para entregarlle un agasallo que pretende ser un recoñecemento institucional a o seu civismo e solidariedade. Cordal tamén expresa a súa gratitude á policía local pola súa eficacia á hora de resolver este caso. «A policía non só está para poñer multas», indicou.