O goberno cambadés negociará esta semana coa oposición uns orzamentos que espera levar a pleno en marzo

Bea Costa
Bea Costa CAMBADOS

CAMBADOS

Martina Miser

O documento ascede a 9,1 millóns de euros e prevé un aumento importante nas partidas en servizos sociais e educación

04 mares 2021 . Actualizado ás 14:50 h.

O concelleiro de Economía e Facenda de Cambados, Xurxo Charlín, presentou este venres aos colectivos sociais e económicos do municipio o orzamento para o 2021, que ascende a 9,1 millóns de euros, «se ben coas subvencións concedidas e outros ingresos previstos para investimentos superarán amplamente os 10 millóns», matiza o edil.

O próximo paso será sentarse a falar coa oposición pois o bipartito, que está en minoría, precisa do apoio do PP ou do BNG para sacar este documento adiante. Froito dunha primeira rolda de contactos hai semanas, comprobouse que un dos principais escollos a salvar é o que atinxe á liberación de concelleiros. PSOE e Somos inclúen no orzamento do 2021 unha partida para liberar a tempo parcial a catro edís, aínda que a oposición xa deixou claro en reiteradas ocasións que non está dacordo coa medida. Charlín espera poder reunirse esta semana cos distintos grupos e chegar a un acordo que permita levar o orzamento ao pleno deste mes.

Con respecto ao anterior orzamento (2018), increméntase un 148 % (200.000 euros) a partida destinada a servizos sociais, duplicase o investimento destinado a promoción económica e triplicase o investimento en educación (limpeza e desinfección dos centros de ensino e plan Madruga). No que atinxe aos ingresos, neste exercicio conxélanse os impostos e redúcense taxas como a do lixo, nun 5 %, «o que supón un aforro directo para as familias e empresas de Cambados duns 50.000 euros a partir deste ano». As transferencias do Estado superan por primeira vez os 3 millóns de euros, sendo o maior ingreso que percibe o Concello en 2021.

O concelleiro de Facenda destaca o esforzo para manter as subvencións destinadas a todos os clubs deportivos e asociacións culturais, «a pesar de que desde o inicio da pandemia as restricións decretadas pola Xunta e as autoridades sanitarias están a limitar a súa actividade ata o punto de case paralizar estes sectores».

«Cambados cumpriu estritamente coas políticas de contención do gasto como a estabilidade orzamentaria, arroxando un saldo positivo de 22.147,97 euros no 2020; desta maneira o Concellos tivo un gasto computable no pasado exercicio de 10,3 millóns de euros, o que supón investir un 99,8 % dos ingresos municipais do pasado ano, por iso é posible incrementar os gastos sociais e aplicar bonificacións a aqueles sectores económicos afectados polo peche da actividade económica decretada polas autoridades sanitarias», explica Charlín.

«Este equipo de goberno é consciente que a pandemia que estamos a vivir causou un deterioro moi grande na economía e nas finanzas dos veciños de Cambados. Por este motivo, tratamos de paliar todo isto aumentando as partidas do orzamento do concello que van destinadas a axudar a poboación que máis o precisa nestes intres tan difíciles para todos, toda vez que, entendemos que son mais importantes as persoas que os números ou as contas».