No pleno volveron dar as doce coa orde do día sen completar

Bea Costa
Bea Costa CAMBADOS

CAMBADOS

MONICA IRAGO

A falta de tempo para debater e votar está a se converter nun problema nas sesións de Cambados

25 sep 2020 . Actualizado ás 16:11 h.

De novo deron a medianoite e a corporación de Cambados seguía debatendo en pleno este xoves. E, como xa vai converténdose en costume, houbo que levantar a sesión deixando varios asuntos no tinteiro. As tres horas que se reservan para os plenos ordinarios (21 a 00 horas) que se celebran cada dous meses resultan claramente insuficientes para abarcar todos as cuestións que se poñen sobre a mesa e, a pesar dos esforzos da alcaldesa, Fátima Abal, por controlar os tempos e as quendas de intervención, na práctica é imposible axustarse ás limitacións horarias.

O xoves viuse un novo exemplo, especialmente cando xorden temas controvertidos como o relativo ás liberacións do goberno local. O debate sobre esta cuestión alongouse durante case unha hora, non faltaron os berros entre Fátima Abal e José Ramón Abal, ao que volveu facer chamadas á orde cun «fóra do pleno» expreso, aínda que o concelleiro de Pode logrou rematar a sesión sen deixar a súa cadeira.

Este asunto mesmo sublevou ao metódico Víctor Caamaño, que cando se abordou o tema das negociacións entre o  bipartito e o BNG interrompeu á alcaldesa espetándolle «vou ter que actuar como José Ramón», e é que o portavoz nacionalista non comulga co relato que estaba facendo a alcaldesa dos feitos. Subiron tamén o ton os concelleiros de Somos Cambados; Tino Cordal para reprocharlle a José Ramón Abal que mentise e Xurxo Charlín para recriminar ao Bloque a súa postura. «A min daríame vergonza ser de esquerdas e ter á xente traballando sen cobrar».

O asunto non saíu adiante porque a oposición (PP, BNG e Pode) volveron facer piña contra a pretensión do bipartito de dispor de catro soldos, a razón de 21.200 euros anuais cada un, en concepto de liberacións parciais. O resto do pleno transcorreu de forma máis fluída. Os asuntos económicos relativos á política contable e os cambios nas ordenanzas fiscais aprobáronse por unanimidade mentres que noutras mocións relativas ao mundo do viño e obras suscitáronse máis discusión. Sobre a mesa, por falta de tempo, quedaron as mocións que se presentaron sobre educación e a que asinaba Somos sobre a situación do colectivo transexual.