A oposición tomba por terceira vez os soldos do bipartito de Cambados

Bea Costa
bea costa CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Mónica Irago

PSOE e Somos seguen sen acadar un acordo co BNG nesta cuestión

25 sep 2020 . Actualizado ás 16:11 h.

Á terceira non foi a vencida e está por ver que vaia a selo á cuarta ou á quinta. O bipartito de Cambados (PSOE-Somos) incluíu na orde do día do pleno celebrado onte á noite a súa proposta de liberacións para o goberno local a pesar de non ter garantías de que o asunto fose aprobado. O bipartito está en minoría -sete concelleiros dunha corporación de dezasete- de maneira que necesita apoios na oposición para aprobar esta e calquera outra cuestión que se someta a votación. O PP, o BNG e Cambados Pode xa votaron en contra das liberacións parciais en dúas ocasións anteriores e, segundo explican, a situación non cambiou desde xullo como para cambiar o seu posicionamento.

De forma que onte rexeitaron a proposta de liberar a tempo parcial a catro concelleiros, a razón dun salario de 21.200 euros anuais brutos en catorce pagas para cada un deles (dous do PSOE e dous de Somos). Estas retribucións sumaríanse aos 40.000 euros brutos que xa cobra a alcaldesa, Fátima Abal, en concepto de dedicación exclusiva, soldo que, paradoxalmente, foi aprobado grazas a unha emenda formulada polo PP e apoiada polo resto da oposición. E é que, na súa opinión, a rexedora si debe percibir unha retribución dadas as responsabilidades do cargo, o que non teñen tan claro é que deba haber outros catro salarios máis, aínda que sexan a tempo parcial. Luis Aragunde (PP) e José Ramón Abal (Pode) coinciden á hora de argumentar que a xestión do bipartito non xustifica máis soldos. «A alcaldesa xa cobra e debería facer máis do que fai, máis e mellor», sinala o portavoz popular. «Non hai que esquecer que o Concello está nun plan de axuste financeiro e, ademais, a Marea de Pancho Casal [en alusión a Somos] dixo na campaña electoral que non quería salarios. E tampouco é certo iso que se di de que non cobran nada. Hai cinco concelleiros nas xuntas de goberno que entre comisións e plenos veñen cobrando 500 euros ao mes», apunta Abal.

En todo caso, no bipartito non agardaban un cambio de postura por parte da dereita. As súas expectativas pasan por atopar os apoios nas filas do BNG, pero este apoio segue sen producirse. Nos últimos quince días, o goberno local convocou en dúas ocasións ao grupo nacionalista a senllas reunións para abordar a cuestión, pero o Bloque esixiu antes de sentarse a falar unha proposta por escrito que non colmou as súas expectativas nin acepta que o asunto se incluíse na orde do día sen haber un acordo previo respecto diso.

O portavoz municipal, Víctor Caamaño, insiste no que voto do BNG non é gratis. «Somos un grupo nacionalista e de esquerdas que xa demostrou o súa colaboración, que estamos dispostos a chegar a acordos como vimos facendo en todas as cuestións económicas. O que non pode ser é que un goberno de sete teña nove votos, non poden pretender que nos anulemos politicamente. A solución é moi doada e pasa por unha negociación que reparta responsabilidades. É o goberno o que ten que mover ficha», apunta Caamaño.

Desde o bipartito consideran que esa ficha está movida e insisten na necesidade de aprobar canto antes as liberacións para afrontar a xestión municipal do mellor xeito posible ante as necesidades que expón a pandemia. «Os concelleiros teñen os seus traballos e non teñen tempo para afrontar retos como os do covid, necesitamos liberacións. É necesario facilitar o acceso á vida pública a todo o mundo, independentemente da súa situación económica», indicou a alcaldesa. Desde o bipartito cualifican a súa proposta de razoable, xusta e austera e inciden en que non implica máis gasto para as arcas locais que o que había no anterior mandato e na etapa do PP. «Non vimos aquí a facernos ricos», abundou o socialista Samuel Lago. Este punto propiciou un intenso debate no que non faltaron chamadas á orde a José Ramón Abal, debate que podería repetirse no futuro porque a alcaldesa xa avanza que, se é necesario, volverá expolo nun próximo pleno.

 

Charlín inicia as negociacións do orzamento coa oposición

As liberacións do grupo de goberno será unha das moitas cuestións que haberá que incluír nas negociacións dos orzamentos municipais do presente exercicio, que empezaron onte. O concelleiro de Economía e Facenda, Xurxo Charlín, reuniuse onte, de forma individualizada, cos portavoces do PP e de Cambados Pode para abordar o asunto co fin de recoller as súas propostas e valorar a posibilidade de incluílas nun documento que aspira a levar a pleno antes de acabar o ano. «Se por culpa dun un por cento que supoñen as liberacións non se negocia o 99 % restante..., nós estamos dispostos a negociar todo», sinalou onte Charlín. Mentres o orzamento non ve a luz, o Concello de Cambados seguirá funcionando co documento prorrogado do 2018.