Máis de noventa contagios vinculados a un brote nunha avícola de Cambados

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

Mónica Irago

A empresa, que abriu en agosto, confirma cincuenta positivos entre os seus traballadores

25 sep 2020 . Actualizado ás 14:56 h.

Segundo fontes oficiais, son 96 os casos de covid-19 que afunden as súas raíces nun brote rexistrado nunha empresa avícola con sede no polígono do Salnés. A cifra, din responsables da área sanitaria, seguirá subindo nos próximos días, xa que ata o momento hanse feito 173 probas e están a dar positivos moitos dos familiares e contactos estreitos dos cincuenta traballadores contaxiados en Avícola de Galicia, segundo os datos achegados por esta mesma empresa. Esa mesma fonte apunta a que a maior parte dos traballadores contaxiados presentan cadros moi leves e mesmo asintomáticos.

A compaña comezou a operar o pasado 17 de agosto, e antes de arrincar a actividade, «fixemos test masivos». Pero nin sequera esa precaución puido evitar unha onda de contagios que afectou a medio centenar de traballadores da planta cambadesa: na outra nave da empresa, situada en Pontevedra, non se rexistrou aínda ningún positivo.

«Avícola de Galicia cumpriu sempre con todos os protocolos covid-19 desde semanas antes de ser declarado o Estado de Alarma», explican desde a firma. «Actualmente, na planta de Cambados extremáronse aínda máis os protocolos Covid-19. Sempre se priorizou a saúde dos profesionais por diante da operativa comercial e a redución drástica da produción evidencíao». E é que se reduciu a actividade nun 60 % «co obxectivo de romper calquera posible cadea de transmisión entre os profesionais na planta». «A loita contra o covid-19 foi unha prioridade para Avícola de Galicia, non só no ámbito laboral senón tamén no ámbito social. A compaña anunciou o pasado mes de xuño a doazón de 7 toneladas de pito a Cáritas en quendas de 900 quilos cada final de mes ata finais de ano», din, finalmente, desde a empresa.