Cambados fai unha enquisa para coñecer as carencias de cobertura móbil

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

oscarVíFER

O Concello deberá poñer á disposición de Amtega unha parcela para a instalación de antenas destinadas a cubrir as deficiencias nos lugares indicados, no caso de que se estime oportuno

16 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Cambados está recorrer ás redes sociais para coñecer as necesidades que existen no municipio en materia de cobertura de redes móbiles. A Fegamp vén de asinar coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) un convenio de colaboración para a posta en marcha de actuacións encamiñadas a mellorar a cobertura de comunicacións móbiles no rural de Galicia, cofinanciadas parcialmente co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no Marco do PDR de Galicia 2014-2020.

Os concellos interesados en participar nesta iniciativa terán que acompañar a súa solicitude cun informe sobre os núcleos de poboación nos que non hai cobertura de calidade e en Cambados lanzan unha enquisa a través da web municipal e das redes sociais para que sexan os veciños os que se pronuncien e axuden a confeccionar un mapa de zonas de sombra. En caso de que Cambados participe finalmente deste convenio, o Concello deberá poñer á disposición de Amtega unha parcela para a instalación de antenas destinadas a cubrir as deficiencias nos lugares indicados, no caso de que se estime oportuno.

Fibra óptica en 51 núcleos

Por outra banda, o Concello facilitou onte a relación dos núcleos de poboación que se van beneficiar do Plan de Banda Ancha que executará a Xunta de Galicia nos vindeiros dous anos con fin de levar os cen megas a todo o territorio. Son un total de 51: na parroquia de Castrelo vaise actuar en A Barca, Baltar, Bouza, Castriño, Couto de Arriba, O Facho, Lourido, O Outeiro, Sartaxes, A Valada e Xesteira, Couto de Abaixo, O Adro, As Quintans e A Revolta; na parroquia de Corvillón, en Cabana, As Laxes, Refoxos, O Ribeiro, Río da Ucha, Tragove, Xieles, A Seca, A Veiga e Cortiñas de Abaixo; en Oubiña os núcleos beneficiados son Abelleira, Balsiña, Bouza do Rei, Casanova, Rio Pequeno, Sobreiro, Tombo, Bouza de Padrón, Campo da Vila e Cereixeira; na parroquia de Vilariño, Bouciña, Cacabelos, Casas Novas, Cortiñas, Covas de Lobos, Cruceiro, Cuíña, Fornos, Modia, Sameiro, Sineiro, Telleira, A Laxe e Quintáns, e xa remataron en Santo Antón A Xesteira e A Pedreira.