A Adoración Nocturna de Cambados celebra os seus 75 anos con charlas, música, vixilias e un desfile

B. C. CAMBADOS

CAMBADOS

MARTINA MISER

O programa de actos arrincará este luns cunha conferencia e prolongarase ata xuño

16 ene 2020 . Actualizado ás 15:47 h.

A asociación relixiosa da Adoración Nocturna de Cambados celebra este ano o seu 75 aniversario e, con tal motivo, organizou un programa de actos que se desenvolverán ao longo dos próximos meses. O primeiro será unha conferencia, este luns ás 20.30 horas no auditorio municipal, baixo o título «Recoñecer a Cristo nos enfermos e a enfermidade», a cargo de José Ramón Amor Pan, coordinador do Observatorio de Bioética e ciencia da Fundación Pablo VI .

O ciclo de conferencias seguirá á mesma hora e lugar, o 10 de febreiro, co título «Relixiosidade popular. Entre a relixiosidade popular e en encontro con Deus», a cargo do franciscano Miguel Ángel de Mátaa. O 9 de marzo continuará o programa coa intervención do salesiano Xavier Blanco Vilar.

A Adoración Nocturna celebrará as súas vodas de platino, tamén, cun concerto de música sacra. A cita será o 6 de abril na igrexa parroquial, a cargo de coro A Capela. O día 24 realizarase unha vixilia extraordinaria dun día enteiro con todos os grupos parroquiais e demais fregueses que queiran participar e para o primeiro de maio organizou unha peregrinación a Lugo.

O acto central e máis vistoso deste aniversario será o 6 de xuño, cando está prevista unha vixilia extraordinaria e un desfile polas rúas do pobo. Ás 20 horas realizarase unha concentración de bandeiras na praza de Fefiñáns e, a continuación, sairán en procesión ata a igrexa parroquial, onde haberá un rezo do Rosario e unha misa presidida polo arcebispo de Santiago, Julián Barrio.

A cambadesa é unha das asociacións máis veteranas de Galicia —a súa traxectoria foi ininterrompida— e tratará de involucrar no seu aniversario a seccións de toda Galicia e do Norte de Portugal.