Pablo Mora , embaixador de Galiciame

B. C. CAMBADOS

CAMBADOS

MONICA IRAGO

A asociación celebrou onte a súa gala anual

07 dic 2019 . Actualizado ás 12:55 h.

De novo, o elixido é un personaxe do mundo do espectáculo. O embaixador da asociación Galiciame para o ano que entra é Pablo Mora , vocalista da banda de pop Lagarto Amarelo, tamén coñecido porque compuxo o tema para Melani que representou a España na última edición de Eurojunior. Pablo Mora quixo así sumarse á causa que abandeira Merchi Álvarez en favor dos enfermos de atrofia muscular espinal (AME). Catrocentas persoas déronse cita na adega cambadesa Condes de Albarei para participar na gala anual de Galiciame. Unha vez máis, quedou demostrado o poder de convocatoria de Merchi, que é capaz de implicar a un amplo abano da sociedade. Onte non faltaron políticos, artistas, nin esa lexión de colaboradores e amigos que fan posible que a guerra contra a AME vaia gañando batallas. E todo sen perder o sorriso e ata botando un baile. A gala tamén serviu de marco para dar a coñecer aos destinatarios dos 40.000 euros da bolsa creada por Galiciame para fomentar a investigación da atrofia muscular espinal. Nesta ocasión son dúas os premiados; o equipo do hospital Vall d'Hebron, dirixido por Eduardo Tizzano, e a Universidade de Sevilla, co doutor Muñoz á fronte do equipo. As súas investigacións permitirán avanzar no campo da xenética e da farmacoloxía relacionadas coa enfermidade.