Portos di que o futuro do salón Pena depende do Concello

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

É necesario actualizar a Delimitación de Espazos Portuarios para poder encaixar os usos actuais do salón

30 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Portos de Galicia quixo aclarar o ocorrido coa concesión ao Concello de Cambados do salón José Pena. Desde este órgano, dependente da Consellería do Mar, recalcan en primeiro lugar que houbo un «contacto permanente co Concello de Cambados» en relación con este asunto. De feito, «durante este ano tiveron entrada en Portos de Galicia varias denuncias de particulares alegando que se estaban a realizar no salón actividades non autorizadas no título concesional e non acordes á Lei de Portos. É dicir, actividades de interese social non vinculadas coa actividade portuaria nin de promoción desta». Esa realidade foi trasladada ao Concello en xuño, cando se lle advertiu que «a posible prórroga da concesión estaría completamente condicionada ao estrito cumprimento das condicións de outorgamento da concesión».

En setembro, o Concello solicita a prórroga e en outubro Portos «requírelle, entre outros aspectos, un escrito no que aclaren os usos que se están a desenvolver na concesión». O Concello, «na súa resposta, non concreta cales son». Paralelamente, «recíbese unha nova denuncia dun particular sobre actividades non autorizadas na concesión» e esta vez o ente autonómico «comproba que se continúan realizando eventos non autorizados». Por esa razón, «o 11 de novembro vólvese requirir ao concello que aclaren os usos que pretenden desenvolver na concesión e na súa resposta o concello de Cambados non concreta de forma precisa».

Así se chegou á reunión mantida o xoves en Santiago, onde o director de Portos «lle traslada aos representantes do Concello que a única solución posible para encaixar os usos actuais da concesión consiste en actualizar a Delimitación de Espazos Portuarios (DEUP)». Desde o departamento autonómico comprometéronse a tramitala canto antes, «e unha vez modificada, o Concello de Cambados deberá solicitar unha nova concesión».

Mentres non se resolve a situación, «e co ánimo de manter a ocupación das instalacións e permitir que continúen dando servizo á cidadanía, Portos de Galicia propón ao concello que solicite unha autorización temporal e que defina de xeito detallado as actividades previstas dentro do marco lexislativo actual».

«En definitiva, agora a continuidade do servizo que presta este salón está a expensas da resposta do concello de Cambados», explican desde o organismo dependente da Consellería do Mar.