O P. Cambados, campión da Liga Galega Masculina de Kaiak de Mar

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

O club arousán acabou ademais subcampión da feminina

11 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A Liga Galega de Kaiak de Mar baixou o pasado sábado o pano á tempada 2019 coa disputa do Trofeo Concello de Vigo. No campo de regatas da ETEA, o Club Piragüismo Cambados alzouse coa copa de gañador da clasificación xeral, tras sumar 1.897 puntos, por dalente do C.P. Olívico, con 1.580, e o Club Kaiak Vigo, con 1.181. O equipo arousán impúxose ademais na clasificación masculina, e acabou segundo na feminina, por detrás do C.P. Olívico e xusto por diante do Piragüismo Illa de Arousa.

Con estes resultados, o C.P. Cambados certificou o título de campión da Liga Galega Masculina de Kaiak de Mar con 347 puntos, polos 338 do C.P. Olívico; investindo ambos os clubs os seus postos na feminina, o vigués con 342 e o arousán subcampión con 333.

Depornáutic, subcampión

A cita viguesa do pasado sábado tamén serviu de Campionato Galego Infantil de Kaiak de Mar. O Depornáutic Vilagarcía acabou segundo.

Triunfo das infantís do Cesures en Vilanova

O Esteiro, Vilanova, foi o pasado domingo escenario da última regata puntuable para a Liga Galega Infantil de piragüismo. O Náutico Pontecesures impúxose na clasificación feminina, co C.M. Ría de Aldán segundo e o organizador Náutico O Muíño terceiro.