Ravella quere evitar que o plan da Xunta sature a dársena do Cavadelo

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

Dúas das liñas da concesión central do Salnés prevén deterse na parada destinada ao autobús urbano

20 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A Xunta está a piques de completar o esquema das novas liñas que conforman o seu renovado plan de transporte de viaxeiros por estrada. Polo que respecta ao Salnés, e á espera de que se adxudique a primeira fase (a que inclúe o mal chamado autobús urbano de Vilagarcía e a ruta que une a capital arousá e O Grove), trabállaa agora en de definición do que ela mesma denomina centro da comarca. Trátase dun paquete composto por 35 liñas cuxa parte nuclear comunica Vilagarcía e Cambados con Pontevedra e na actualidade operan Núñez Barros (adquirida por Benito Abalo) e Autocares Rías Baixas, e van ser unificadas baixo unha soa concesión. Pois ben, se o Concello de Cambados anunciou a fin de semana toda unha serie de alegacións, posto que en opinión do goberno local tanto horarios como frecuencias son insuficientes, tampouco o Concello de Vilagarcía quedará atrás neste punto. Entre outras cuestións, o equipo de Alberto Varela argumenta que o deseño, tal e como está concibido, ameaza con colapsar as dársenas do Cavadelo.

Xa na primeira fase do plan, Ravella alertou de que o deseño das liñas procedentes do Baixo Ulla, que se pretendían facer pasar polo Cavadelo en lugar de conducir á estación de buses, constituía un contrasenso, que foi corrixido pola consellería. Agora sucede algo semellante con dúas das liñas que se inclúen neste segundo concurso. Concretamente, coa que unirá a capital arousá con Godos, en Caldas de Reis, e cun trazado circular cuxo punto de destino é o Hospital do Salnés. O goberno socialista entende que as dársenas deben reservarse para o denominado bus urbano. É dicir, para as rutas internas do propio municipio.

A consellería argumenta que o seu deseño reforza as conexións do Salnés con Compostela

Son varias as novidades deste segundo paquete de concesións que a consellería quere subliñar. En primeiro lugar, o feito de que a liña entre Vilagarcía e Pontevedra, a que concentra unha maior demanda de usuarios, superior aos cincuenta mil anuais, contará cunha expedición cada hora e unha franxa que se estende da mañá á noite.

Tamén, subliña a Xunta, haberá dúas expedicións en días lectivos entre Vilagarcía e Catoira, que servirán para reforzar a conexión da zona rural cos servizos do núcleo catoirés, pasando tamén por Carril. «Introdúcense liñas que conectan o núcleo de Vilagarcía con outros puntos destacables dentro do termo municipal, como o Hospital do Salnés ou o cemiterio de Rubiáns», ademais de oito conexións en días laborais con Vilanova. Mas puntos destacables serían as conexións da capital arousá cos municipios da comarca de Caldas, un punto, por certo, que segundo o departamento autonómico servirá como interconexión coas liñas de transporte público que unen as cidades do eixo atlántico.

Así, formula a Xunta, hai tres rutas de maior percorrido que inclúen a conexión de Vilagarcía e outros municipios arousáns con Santiago e, en menor medida, tamén coa Coruña. Serían a liña XG81744, «que conexiona Vilagarcía, Vilanova, Cambados, Meaño, Sanxenxo e O Grove coa Coruña e unha frecuencia de dúas idas e dúas voltas». e a liña XG81745, que parte de Cambados e toca Vilagarcía para acadar Santiago con «unha ida á primeira hora da mañá e unha volta a primeira da tarde para dar cobertura a traballadores e estudantes».