Os alumnos de Vilariño, tamén con Galiciame

B. C. CAMBADOS

CAMBADOS

cedida

Entregan á asociación 303 euros, que se suman aos 1.705 recadados na marcha do domingo

11 jun 2019 . Actualizado ás 14:05 h.

Galiciame, a asociación de loita contra a atrofia muscular espinal (AME), acaba de recibir unha inxección de diñeiro e de cariño importante. Na «andaina» solidaria celebrada o domingo pola mañá recadáronse 1.705 euros grazas aos donativos das persoas participantes e a venda de artigos de «merchandising». A esta cantidade hai sumar os 303 euros recadados polo colexio de Vilariño (Cambados) dentro do proxecto «Depoemprende na escola». Os alumnos de quinto e sexto crearon a súa propia cooperativa na que tiveron que elaborar os estatutos, tramitar un NIF e pórse tras o mostrador. A recadación pola venda de produtos destínase a oenegués e neste caso o alumnado quixo que fose para Galiciame. O luns tiveron oportunidade de entregarllo en persoa á cara visible da asociación, a cambadesa Merchi Álvarez, que visitou o colexio e falou na radio escolar sobre a súa enfermidade e a causa de Galiciame. Merchi Álvarez fixo público o seu agradecemento ás persoas, nenos e maiores, que de forma desinteresada colaboran para recadar fondos cos que seguir investigando sobre unha enfermidade que aboca a quen a padecen a unha cadeira de rodas.