Álvaro Siza, premio Fundación Manolo Paz

CAMBADOS

MARCOS MÍGUEZ

A entidade destaca que o arquitecto portugués sabe como poucos relacionar a natureza coa súa arquitectura

24 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Cambados converterase o 29 de xuño en capital da arquitectura e a arte contemporánea. Farao, como xa vén sendo habitual, da man da Fundación Manolo Paz, que deseñou unhas xornadas que estarán protagonizadas polo arquitecto portugués Álvaro Siza. A el outorgará o seu premio anual pola súa traxectoria profesional, polo importante traballo que levou a cabo en Galicia e por saber relacionar como poucos as súas obras coa natureza. As xornadas incluirán unha mesa redonda sobre o deseño e a presentación da Porto Desing Biennale.

Foi fai catro anos cando, en colaboración co Concello de Cambados, puxéronse en marcha as xornadas da Fundación Manolo Paz. «O noso principal obxectivo era a acadar a máxima difusión posible deste espazo», asegurou o concelleiro de Cultura, Víctor Caamaño. Unha misión que considera cumprida pois, na súa opinión, grazas ao traballo levado a cabo pola fundación «agora hai xente que ven a Cambados polo arte contemporáneo».

A edición deste ano quere dar un paso máis cara á internacionalización desta cita. Paz lembrou onte que estas xornadas «son un traballo de todos» e que con elas se busca «chegar dende Cambados a todas as partes do mundo». O galardón que todos os anos outorgan quere servir para «recoñecer a alguén que fixera algo polo arte contemporáneo». E con ese obxectivo foron recoñecidos, con anterioridade, Xerardo Estévez, Román Pereira e Rosina Gómez. Pero, nesta ocasión, quíxose dar un paso máis. «Este ano imos dar o salto á internacionalización e contamos con todo un Nobel en arquitectura», explicou o propio Paz. Trátase de Álvaro Siza, recoñecido arquitecto e autor, entre outros traballos, do Centro Galego de Arte Contemporánea ou do parque de Bonaval, ambos en Santiago de Compostela. «Vai ser un luxo ter aquí a Álvaro Siza, que é un dos dez mellores arquitectos do mundo», engadiu David Varro, director da fundación DIDAC. Entre outros recoñecementos, Siza foi galardoado co premio Alvar Aalto, co Mies van der Rohe ou co Pritzker, que está considerado o Nobel da arquitectura. Sinalou que Siza e Paz parécense moito no xeito na que interpretan a paisaxe. «Os edificios de Siza sempre conseguen conectar co exterior, coa natureza», asegurou, pois considera que este artista é capaz, como poucos, de relacionar a natureza coa súa arquitectura.

Mesa sobre o deseño

As xornadas serán o 29 de xuño. Pola mañá, celebrarase a entrega do galardón a Siza. Pola tarde, organizarase unha mesa redonda sobre o deseño galego e portugués. Nelas presentaranse tamén a Porto Desing Biennale, que se celebrará entre O Porto e Matosinhos durante o próximo mes de setembro. Os interesados poden inscribirse xa en xornadas\fundacionmanolopaz.gal