Onde o viño vístese de etiqueta

CAMBADOS

MARTINA MISER

Martín Códax, Paco & Lola, Nordés, Pazo Señoráns, Don Pedro de Soutomaior, Nordesía, Chivite... As súas etiquetas foron creadas polo multigalardonado estudo de deseño Marta Lojo. Que como consegue todo iso? Convertendo en oficio a súa paixón

08 abr 2019 . Actualizado ás 09:12 h.

De nena Marta Lojo coleccionaba etiquetas. Hoxe son as creadas polo seu estudo as que conforman unha impagable colección. A que se exhibe nun andel exposición no propio estudo. Marta bótalle unha ollada e aínda se lle acende a mirada. «É o soño da miña vida», confesa.

Aínda que o estudo, situado en Cambados, leva o nome de Marta Lojo os labores creativos compárteas coa súa parella Kike López. Coincidiron na Escola de Arte e Deseño Pablo Picasso da Coruña, aínda que xa se coñecían de antes. E ata aí podo ler.

Ambos insisten en considerarse uns afortunados. Marta lembra o shock que lle causou a chamada de Julián Chivite aceptando o seu proxecto de etiqueta cando, di, «aínda era só unha afeccionada». Ou a confianza demostrada desde o primeiro momento por Martín Códax, adega á que desenvolveron toda a súa imaxe. «Foi determinante porque é a adega líder en Rías Baixas. Marca tendencias. E fíxonos gañar en confianza e en recoñecemento de cara ás demais adegas».

E nisto chegou Paco & Lola. Por diversos avatares o deseño da etiqueta para unha segunda marca dirixida á exportación acabou na botella principal. O impacto foi brutal, o posicionamento da marca inmediato e sucedíanse os premios polo deseño.

Outro tanto ocorreu coa tamén galardoada imaxe da xenebra Nordés ou a de Don Pedro Castes, pola que esta mesma semana gañaron o ouro nos premios da Mercadotecnia Alimentaria de España.

Que define o estilo Marta Lojo?, pregúntolles. «A xente agarda de nós que lle fagamos algo moi moderno, pero non sempre é así. En realidade o que facemos é tratar de axustarnos e de responder ao briefing que nos expoña o cliente», explica Kike. Con todo basta con mirar a exposición do seu estudo para adiviñar liñas comúns. Sobresae sempre a elegancia, no visual e na mensaxe, certas chiscadelas vintage, a mimada utilización da tipografía, o equilibrio cromático e a presenza de determinados elementos estéticos e conceptuais que sutilmente levan o deseño alí onde ninguén o agardaba.

clásicos, pero de agora

Como ocorre en calquera outro ámbito tamén no deseño de etiquetas de viño hai tendencias que van e volven. «Hoxe o minimalismo xa non vende ». Volven estar de moda os deseños clásicos, afrancesados, máis austeros. «Clásicos, pero que se note que se acaban de facer agora», apostila Kike López.

Hai non moitos anos daba a sensación de que todo valía no deseño de etiquetas. Que calquera extravagancia se xustifica baixo o único pretexto de chamar a atención. «Marta Lojo nunca participou desa tendencia», apuntan. E hoxe menos que nunca. «Hoxe pídese que o viño teña unha historia detrás. E a etiqueta ten que ser o reflexo desa historia».

Agora, que o estándar dos viños seméllase tanto, a etiqueta hase convertido no elemento diferenciador. Corrobora Marta Lojo que «os adegueiros xa se deron conta de que, cada vez máis, o máis transcendente é a imaxe». Que non é pequeno avance.

Xunto á luminosa galería, sobre unha mesa e a modo de atrezo loce un vetusto iMac. «Outra icona do deseño», que nos dá para abrir unha nova conversación en torno ao infinito universo do deseño gráfico. Ese que Marta Lojo e Kike López son capaces de condensar con discreta e exquisita elegancia en apenas 12x8 centímetros.