«O cidadán está desencantado porque os gobernantes están a outra cousa»

Bea Costa
Bea Costa VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

O Salnés convértese en foro de análise e debate sobre os efectos do cambio climático e a economía circular

22 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Os días 26, 27 e 28 de marzo celébranse en Cambados e en Sanxenxo o oitavo Congreso Galego de Medio Ambiente & Saúde & Turismo Sostible e a 61 edición dos cursos de saúde ambiental en Galicia. Tras esta longa traxectoria está Francisco Pena, que leva corenta anos traballando neste ámbito.

-Catro décadas despois, seguen sendo estes foros unha ferramenta eficaz para afrontar o problema da contaminación do planeta?

-Máis que nunca. Ou nos adiantamos aos problemas que poden vir ou podemos chegar tarde. O congreso ten a premisa «salvemos o planeta» e desenvólvese ao redor de catro temáticas, dous delas fundamentais a nivel global: a loita contra o cambio climático e a implantación dun modelo de economía circular impulsando un modelo de enerxía sostible. Oito millóns de persoas morren no mundo ao ano pola contaminación. Hai que combater os combustibles fósiles e apostar pola mobilidade verde, ou se non imos mal; o camiño ten que ser o coche eléctrico. E hai que producir menos residuos, intentar reciclar e reutilizar todo o que se poida para acadar o chamado residuo cero; os residuos son unha oportunidade, non un problema. Hai que estar na defensa do planeta e a loita contra o cambio climático, porque se estamos na liña de personaxes como Trump, mal imos.

-Fálame de políticas de estado. Non está o cidadán decepcionado ao ver que é precisamente a política de estado a que falla, cansado de ver como as grandilocuentes declaracións dos cumes internacionais quedan en papel mollado?

-É verdade que é decepcionante e que o cidadán se sente desencantado, porque os gobernantes están a outra cousa, non só no tema ambiental, tamén porque hai unha perda de valores na sociedade. Hai países nos que a xente se segue morrendo de fame e, en cambio, en occidente temos problemas de obesidade e de enfermidades cardiovasculares por estilos de vida inadecuados e un exceso de alimentación. Non acabamos de ir polo camiño correcto. Por iso debemos incidir na educación. Se non coidamos o planeta, volverase na nosa en contra.

-Que pretenden achegar a través do congreso galego da semana próxima?

-Haberá debates e haberá conclusións cunhas propostas. Desde Galicia o que queremos é mobilizar ao mundo contra o cambio climático e a favor da economía circular, analizar a situación real para propor melloras, e o aspecto local é importante. En cuestións de medio ambiente hai que pensar globalmente, pero hai que actuar localmente. O mércores, a temática é exclusiva sobre a Ría de Arousa, que é un dos motores de Galicia, pero que tamén ten os seus puntos débiles en temas de verteduras e saneamento.

-Cal é a posición que ocupa Galicia no mundo en cuestións de saúde ambiental?

-É aceptable, porque, a diferenza doutras zonas do mundo e de España, Galicia non está tan poboada desde o punto de vista industrial nin ten a problemática do Mediterráneo, por exemplo. Iso axuda, pero esa saúde ten puntos a favor e tamén debilidades. É necesario sumar esforzos de todos os axentes sociais. É vital demandar a necesidade de máis recursos para o poder local en materia de medio ambiente, porque teñen moitas competencias, pero poucos recursos para actuar.

-Desde o ámbito local, neste caso O Salnés, exponse un debate a gran nivel...

-Sen dúbida, eu faría unha mención especial ao exdirector xeral de Unesco , Federico Mayor Zaragoza, que participará por videoconferencia, á figura de Eleuterio Martínez e a Susana Paixâl. Falarase de moitas cousas, desde a avespa velutina á necesidade de converter O Salnés nun destino de excelencia turística. Pasarán polo congreso unhas duascentas persoas, o cal dará unha gran proxección á zona. Este congreso é un luxo.

«É vital demandar máis recursos para o poder local en materia de medio ambiente»