Un novo horizonte de oportunidades aberto ante o cambadés Ángel Sánchez

La Voz

CAMBADOS

MONICA IRAGO

07 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O W52-F.C. Porto desprazaráse este domingo a Aveiro á Proba de Abertura da rexión lusa cos nove ciclistas da escadra descartados para a Volta a Valencia. Con Gustavo César Veloso acompañado por un Ángel Sánchez que enlaza a súa quinta tempada na escadra portuguesa, á que accedeu co seu mentor vilagarcián como principal valedor xunto ás súas aptitudes, actitude, e capacidade de rendemento probadas con anterioridade.

Será esta unha campaña chea de oportunidades para o cambadés. Sen ir máis lonxe, a coincidencia da Volta a Portugal e da Volta a Burgos, a primeira de dúas semanas e a outra dunha, obrigará ao W52-F.C. Porto a tirar de 14 dos seus 16 efectivos para cubrir ambas citas, polo que «ou me pasa algo, ou debería estar a correr unha das dúas», comentaba esta semana o arousán.

Sánchez, que xa sabe o que é gañar carreiras profesionais, sinala que «esta é unha tempada un pouco distinta. O equipo sobe de categoría, e vai ser unha tempada máis longa». Un marco que agarda aproveitar: «A miña idea é estar sempre nun bo estado de forma, ao 80 %. Non pasarme de voltas, nin quedar curto de forma. Ser o máis regular posible. Servir de axuda para calquera compañeiro que dispute a vitoria. E no momento en que estea ben, buscar o triunfo. Gañar unha carreira este ano? Véxoo factible».

Á espera de que o seu director deportivo concrete o seu calendario, Ángel Sánchez confesa que, hoxe por hoxe, o que máis lle gustaría é «ir ao Tour de China , en outubro. Gustaríame coñecer algo da súa cultura, por pouco que poida ver polo autobús».