«O peor de Santiago é que non ten mar, pero de telo non sería tan acolledor»

La Voz

CAMBADOS

21 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Parece que teña nacido nunha vila de costa polo apego que ten ao mar. Talvez o leva nos seus xenes. O seu avó era xuíz en Cambados, pasaban a metade do ano en Sanxenxo e a súa nai era de Vilagarcía. Sempre fixo deportes náuticos, e cando lle chegaron as lesións pasouse a outro máis tranquilo pero igual de apegado á brisa mariña, a pesca. Adoita ir a Muros e admite a súa querenza pola costa: «Sufrín unha tendinite e tiven que deixar o kaiak, pero por seguir no mar empecei coa pesca de costa».

O mellor de Santiago resúmeo no seu día a día: «Fago a miña vida nunha contorna no que me leva cinco minutos ir da miña casa ao traballo, a tomar algo... É unha cidade moi cómoda e acolledora», explica. O peor, «que non ten mar, pero se tivese mar non sería tan pequena e acolledora». Bota de menos o Santiago vivo, cheo de traballadores e universitarios. «Nótoo máis tristón pola falta de xente, saio ás nove de traballar e non hai moito movemento, está escuro e triste, sobre todo por esta zona». E refírese ao centro, polo que a caída poboacional é máis que evidente. Achácao en gran parte á diminución da vida universitaria. Por unha banda por unha cuestión demográfica, hai menos alumnos, e por outra pola revolución que supuxo o tren: «En Vilagarcía posche nun cuarto de hora e moitos funcionarios de Pontevedra ou A Coruña agora van e veñen todos os días». Nada que ver con aquela época na que as galerías da zona nova eran un fervedoiro de xente. «Os que eramos de Santiago saïamos os sábados, empezabamos xa pola tarde e quedabámonos ata a noite. E recordo aos estudantes, os venres, baixando polo Hórreo, eran riadas e riadas», conclúe.