Unha médico dobra quenda para evitar que o centro de saúde de Cambados quede en cadro

Serxio González Souto
serxio gonzález CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

O Sergas estaba disposto a deixar a quenda de tarde cun só facultativo ao non atopar substituto

21 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Que a sanidade pública necesita un impulso decidido é algo que ningún dos seus usuarios poría en dúbida. En Arousa, onde os problemas, os baleiros e as protestas sucédense, e en toda Galicia. Mentres os profesionais dos puntos de atención continuada manteñen unha folga que apenas ten incidencia práctica, o centro de saúde de Cambados foi escenario, esta fin de semana, dun novo episodio que desvela como están as cousas. Só o esforzo dunha médico, que accedeu a dobrar a súa quenda, evitou que o servizo quedase onte pola tarde en cadro, cun só facultativo en activo.

A causa do problema atópase nunha enfermidade repentina, da que foi vítima unha das dúas doutoras que debían cubrir o domingo, nun tramo ininterrompido de 24 horas. Os responsables da EOXI Ponteveda-Salnés que estaban de garda foron capaces de atopar dous substitutos, para as quendas de mañá (de 8 a 15 horas) e de noite (das 22 horas ás 8 horas do día seguinte), pero non para o de tarde. Así as cousas, o Sergas estaba disposto a que durante ese tempo o centro queda cuberto cun só médico.

A solución veu da man do propio persoal de Cambados e do esforzo que asumiu unha dos seus integrantes. A mesma doutora que saíra de traballar onte, ás oito da mañá, incorporouse de novo ao seu posto pola tarde, oito horas despois, para asinar dúas quendas consecutivas máis e evitar que o servizo quedase en precario.

Merece a pena lembrar que os profesionais sanitarios dunhas instalacións como as de Cambados non se limitan a pasar consulta ou a atender urxencias no propio centro de saúde. Un deles debe desprazarse en ambulancia, xunto a unha enfermeira, se xorde algún tipo de urxencia que requira a súa presenza. Que un só facultativo cubra unha garda constitúe, polo tanto, un risco certo, xa que, de verse obrigado a abandonar o seu posto, non haberá ninguén que ocupe o seu lugar mentres estea ausente.

Dentro do esquema de funcionamento dos centros de saúde tamén é conveniente mencionar a situación na que se atopan as enfermeiras. En Cambados adoita traballar unha por quenda, salvo as fins de semana, durante os que, salvo no tramo nocturno, unha segunda profesional reforza as súas prestacións. O venres, a enfermeira que estaba de servizo estaba a piques de saír xunto a un médico para cubrir unha urxencia cando un home se presentou nas dependencias sanitarias porque se atopaba mal. O paciente sufriu unha parada cardíaca e a enfermeira puido auxilialo. Uns minutos máis tarde, e só un facultativo estaría alí para facelo.

Os problemas repítense en toda a comarca

Durante as últimas semanas, os problemas derivados da falta de médicos repetíronse en diferentes municipios do Salnés. En Vilagarcía prodúcense esperas superiores aos catorce días por baixas que non se cobren, algo que tamén sucede no Grove, onde o Sergas anunciou medidas, pero unicamente aos concelleiros do PP, ou en Catoira. Por fin, A Illa e Ribadumia reclaman unha atención pediátrica permanente, da que neste momento carecen.