Cruzamento de reproches entre PP e Charlín polo atraso da praza de abastos de Cambados

B. c. CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

A oposición culpa á ineficacia do goberno local e Charlín acusa a Aragunde de «mentir como un bellaco»

12 ene 2019 . Actualizado ás 20:55 h.

O PP de Cambados volveu cargar contra a xestión do goberno local, esta vez, en relación ao atraso que acumula a construción dunha nova praza de abastos. Esta obra require da aprobación previa do Plan especial de Portos, plan que segue en tramitación á espera do seu paso polo pleno. O PP afirma que hai un ano que Portos de Galicia está a agardar a que o Concello lle faga chegar a documentación precisa. O grupo da oposición fala de desidia e inacción do cuadripartito e sinala que de estar a gobernar eles, esta obra estaría en marcha. «Esta foi unha lexislatura perdida para este proxecto. Este estancamento creado polo cuadripartito agrava o empeoramento da economía e do comercio cambadés», indican os populares.

O concelleiro de Promoción Económica, Xurxo Charlín, saíu onte mesmo ao paso do comunicado de prensa do PP para sinalar que se a obra da praza de abastos atrásase non é por culpa do goberno actual se non porque Portos tardou tres anos en presentar o borrador do plan especial. Charlín acusa ao portavoz do PP, Luis Aragunde, de «mentir como un bellaco» e adxunta o escrito remitido o pasado día 30 de novembro a Portos solicitando a Patrimonio o informe sectorial do plan especial para poder completar a tramitación e levalo a pleno.