Os detractores do Black Friday

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

Comercios da comarca colocan carteis rexeitando a xornada de descontos

20 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Algúns comerciantes de Cambados foron os primeiros en plantar cara ao Black Friday. Na zona de Fefiñáns apareceron onte os primeiros carteis nos que se anunciaba que determinados establecementos non farían descontos durante o vindeiro venres. «Non é por non facer descontos nese día concreto, é que esa xornada se acaba convertendo nunha semana, nun mes...», explica unha das protagonistas deste movemento a favor do pequeno comercio e en contra das campañas de rebaixas constantes.

Entre o comercio cambadés atópanse as dúas posturas con respecto ao coñecido como Venres Negro. Mentres nalgúns establecementos da localidade pódense ver xa carteis que anuncian non un día, senón unha semana de descontos, noutros, anuncian todo o contrario. «Non ao Black Friday», publicitan varios comercios da zona de Fefiñáns. «Ao meu non me preocupa o desconto que fago ese día, o problema é a repercusión que en ten nos anos seguintes», explican desde Rúa Real, un dos negocios que se sumou a esta campaña de rexeitamento. Porque o que debería ser unha xornada de descontos convértese, en realidade, nunha semana ou mesmo nun mes de rebaixas xusto ás portas da campaña do Nadal. «Novembro sempre foi un mes malo, pero desde agora non vendes nada ata que chega o Black Friday», explica esta comerciante.

Non é a única da localidade que se sumou a esta iniciativa. Só na súa mazá hai outros dous establecementos nos que se poden ler os mesmos carteis. «O ano pasado, decembro foi o peor mes do ano con diferenza», explican na miña Trocito do Pastel. Esta tenda de nenos foi unha das primeiras en sumarse á campaña posta en marcha por Internet. E considera que xa está a ter repercusións. «A semana pasada vendín máis que o ano pasado e eu creo que é porque anunciei que este ano non ía haber descontos», argumentan. Estes comercios están en contra tamén das rebaixas adiantadas e agardarán ao 7 de xaneiro para pólas.

Pero non só en Cambados os establecementos comerciantes declaráronlle a guerra a esta xornada de descontos. En Vilagarcía, Zona Aberta ten claro a súa postura, a de rexeitar estas campaña. Onte mesmo, a entidade mantivo un encontro para coñecer cantos comercios da localidade non se sumarán ao Black Friday. As previsións apuntan a que serán maioría os que se neguen a celebrar este ano esta moda.