Cambados sofre outra onda de roubos en bares e comercios

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

Non se descarta que os autores sexan os mesmos da última vez

20 novs 2018 . Actualizado ás 17:16 h.

Dúas vivendas, dous bares, un comercio, dous coches e dúas instalacións municipais. Esta é a lista de obxectivos dos amigos do alleo que o pasada fin# de semana se pasearon por Cambados . Por fortuna, non foron capaces de entrar en todos eles e, salvo polo subtraído en dúas vivendas, o seu botín foi máis ben escaso. Segundo explicou a alcaldesa, Fátima Abal, todos estes asaltos poderían ser autoría dos mesmos que hai só uns meses intentaron entrar en varios negocios da rúa Real.

O periplo destes ladróns comezou durante a noite do pasado venres. Entón, causaron danos e subtraeron obxectos de dous vehículos aparcados na avenida de Vilagarcía. Intentaron entrar, pero sen éxito, nas instalacións de piragüismo e accederon ao interior do edificio da Merced, onde causaron cuantiosos danos porque romperon unha das lúas, unha porta e outros elementos de seguridade. O seu botín, uns Carné Xove en branco.

O sábado pola noite as vítimas foron as vivendas. Nunha delas, situada na Modia, levaron unha cuantiosa cantidade de diñeiro e xoias tras rebentar a caixa forte. Noutra, revolveron todo e fixéronse con máis xoias. Pero houbo máis porque tamén intentaron entrar en, polo menos, dous bares e nun comercio situado na praza Ramón Cabanillas. Cun pico quixeron romper unha das lúas blindadas. Só conseguiron danala. «Tivo que ser ás sete da mañá do sábado ao domingo», explica a propietaria de Sansatur, que así se chama o negocio afectado. Esta aproveitou a ocasión para reclamar unha maior presenza policial nas rúas, sobre todo, durante a fin de semana. «Se unha patrulla pasase por aquí de cando en vez poida que isto non pasase», argumentou.

O PP presenta unha moción para que a Policía Local patrulle de noite

 

 

Sobre a onda de roubos que sufriu Cambados a pasada fin de semana falou tamén portavoz do PP da localidade, Luis Aragunde. «Desgraciadamente, recordo que hai máis dun ano que se quitou o servizo nocturno da Policía Local. E quero destacar que todos estes roubos se produciron na fin de semana», argumentou. Os populares presentarán unha moción na que reclamarán ao cuadripartito que restitúa estas patrullas.

Aragunde é consciente de que os roubos non son causa, unicamente, da ausencia de patrullas da policía durante as noites das fins de semana. «Pero que non haxa policía merma moito a capacidade de vixilancia e a posibilidade de pillar a estes cacos», insiste. Lembra que Cambados levaba vinte anos contando cun servizo nocturno durante a fin de semana e que foi o cuadripartito o que decidiu suspendelo. «Estase a mermar o benestar dos veciños de Cambados», concluíu.