O Juventud quere sacarlle rendemento ao liderado da Preferente

CAMBADOS

ÓSCAR VíFER

A directiva confía en que a marcha do equipo impulse o obxectivo dos 600 socios

18 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Os seareiros que o pasado domingo acompañaron o primeiro equipo do Juventud Cambados ao campo do Juvenil Ponteareas gozaron por partida dobre. Do 1-7 asinado polo conxunto de Edu Charlín e de ver o nome do club dos seus amores máis cerca ca nunca da Terceira División en moitos anos, inda que tan só sexa a través desa imaxe virtual subtitulada con aquel «ocupando posto de ascenso directo provisional» en calidade de líder do grupo sur da Preferente Galicia. A quinta vitoria en oito partidos, con 16 puntos no seu haber e un ataque disparado aos 20 tantos tras a goleada en Ponteareas, sitúan o cadro arousán en solitario na carreira de fondo que é a Liga, a falta inda de tres cuartos de percorrido; outras 30 xornadas.

«Esperado non é, pero traballado si». Así se refería onte ao liderado o presidente da directiva do Juventud Cambados, Matías Fontán. O home que xunto cun grupo de xente nova formada por outros antigos xogadores e ex-adestradores do club, rescatou o histórico do fútbol galego na Segunda Autonómica para devolvelo en tres tempadas á Preferente. Recentemente chegado o cadro cambadés de regreso, sobre o papel, á súa categoría natural se atendemos á historia e, sobre todo, á dimensión demográfica e económica da vila do albariño, os responsables do Juventud manteñen os pés no chan: «Creo que temos un moi bo cadro de xogadores. Pero hai que ser realistas. Acabamos de ascender, nunha Liga moi igualada con rivais con mellores nóminas de xogadores. O obxectivo segue a ser a permanencia, conseguir canto antes eses 46-50 puntos que nola dean», declara Matías Fontán.

Mais, en contra do tópico, os responsables da entidade néganse a darlle un valor anecdótico ao primeiro posto que, polo menos durante esta semana, loce o conxunto de amarelo e de azul. «Queremos aproveitar esta boa dinámica para seguir enganchando a xente de Cambados» aproveitando o tirón, apunta Fontán. Porque, sábeo ben calquera xestor deportivo, isto funciona así, nos ciclos ascendentes sempre é máis doado recuperar a graza do respectable.

«Esta tempada temos unha media de 300 a 400 espectadores en cada partido na casa. Máis ou menos un 20 % máis ca na anterior», informa o presidente do Juventud Cambados. Un crecemento que se estende á expedición de carnés: «A tempada pasada pechámola con case 400 socios; este ano xa superamos a cantidade» lixeiramente. De aí que Fontán amose unha mestura de esperanza e optimismo coa mirada posta no 30 de xuño do 2019: «A ver se chegamos a esa cifra de 600 socios que nos marcamos este ano como obxectivo».