O Catastro remite aos cambadeses 1.200 expedientes de regularización

m.a. CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

O Concello quere pór en marcha unha oficina de asesoramento técnico

10 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Ao longo dos próximos días, moitos serán os cambadeses que comezarán a recibir as notificacións do Catastro para regularizar os seus inmobles. Explica o concelleiro de Facenda, Xurxo Charlín, que a xerencia provincial comunicoulle que onte mesmo remitiu os 1.200 expedientes que se iniciaron co fin de sacar á luz construcións polas que os seus donos non pagaban impostos, como piscinas ou galpóns. Ante esta situación, o goberno local pediu axuda á Deputación para abrir unha oficina de atención aos veciños nas instalacións da Merced. Explica Charlín que o número de expedientes abertos en Cambados para regularizar estas construcións será moi inferior ao doutros municipios de similares características. Iso débese á campaña de revisión do padrón municipal que se puxo en marcha o pasado ano. Entón, un técnico atendeu a todos os interesados -un milleiro- e axudoulles a incluír os seus inmobles no Catastro. A iniciativa logrou que setecentas construcións fosen incorporadas, «evitando desta maneira que estes veciños estean agora incluídos polo Ministerio dentro destes expedientes», argumenta Charlín.

Agora, serán 1.200 os cambadeses que recibirán a notificación de que se lles abriu un expediente. Estes terán que facer fronte a unha multa de 60 euros do Ministerio de Facenda. O pagamento da sanción implicará recoñecer que se posúe unha instalación sen declarar e que, a partir desa regularización, o titular asume o pagamento do IBI. As comunicacións serán remitidas pola ORAL e que se corresponden con inspeccións de Facenda. «As multas implican o abono de catro anos de atrasos, polo que algúns afectados deberán pagar cantidades importantes».