A Policía Local de Cambados vixiará o botellón na Pastora

Bea Costa
bea Costa CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

BEA COSTA

As festas xuvenís deixan tras de si un rastro de lixo

21 sep 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha mesa infestada de botellas e vasos é a mellor testemuña de que o sábado pola noite houbo festa na Pastora. A desta fin de semana non foi un caso illado. Hai anos que se celebra botellón no monte municipal de Cambados e os efectos repítense: lixo tirado polo chan, sobre as mesas, nas inmediacións da capela e sobordando as papeleiras. Esta estampa mantense, no mellor dos casos, ata o luns, cando os operarios de limpeza pasan por alí a recoller os desperdicios. Pero, máis aló dos inconvenientes por insalubridad e mala imaxe, o botellón non representa neste momento un problema en Cambados. Segundo informou o concelleiro de Seguridade Cidadá, José Ramón Abal, non constan queixas por este motivo e os episodios de botellón no recinto do colexio San Tomei e detrás do centro de saúde parecen ter quedado atrás.

Con todo, o concelleiro deu instrucións á Policía Local de Cambados para que intensifique a vixilancia no monte da Pastora de maneira que os axentes se deixarán ver por alí esta fin de semana co fin de disuadir comportamentos irregulares. A policía poderá intervir no caso de que haxa consumo de alcol por parte de menores ou que se produzan ruídos ou algún altercado que infrinxa a normativa de seguridade cidadá.

Noutro plano, José Ramón Abal apela ao civismo para manter limpos A Pastora e demais espazos públicos do municipio e bota de menos unha maior concienciación dos cidadáns neste ámbito. Para o concelleiro, que haxa botellón non supón un problema sempre que este tipo de reunións e festas non atenten contra as normas e non deixen tras de si un regueiro de sucidade.

Na Pastora agrávase o problema porque a existencia de cristais no merendeiro e no parque infantil supón un risco para as persoas, especialmente para os nenos, que frecuentan este espazo para gozar desta contorna natural.