A tecnoloxía Led chega a Cambados con novas luminarias en Castrelo

Bea Costa
Bea Costa CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

Esta intervención suporá un aforro de 12.000 euros anuais na factura da iluminación pública municipal

15 sep 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Cambados estréase na tecnoloxía Led coa instalación de 150 novas luminarias na avenida de Castrelo, no tramo que transcorre desde o colexio Salesiano ata Dena. Esta actuación, que ten un prazo de execución de dez días e un orzamento de 32.525 euros a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, permitirá mellorar a calidade da iluminación á vez que redundará nunha diminución do gasto enerxético. Segundo os datos achegados onte polo concelleiro de Obras e Servizos, José Ramón Abal, a instalación destas luminarias permitirá reducir ao factura anual da iluminación pública en doce miles euros, que se suman aos cen mil que xa se lograron aforrar nos dous últimos anos. A previsión do concelleiro é que, ao final do mandato, o aforro rolde o 30 %, o que suporá pasar dun gasto de 480.000 euros en 2015 a 330.000 euros en 2019. Ata a data, interveuse na iluminación do paseo marítimo, onde se procedeu ao cambio das lámpadas de 150 a outras de 100 watts para reducir o consumo, pero esta é a primeira vez que se usa tecnoloxía Led.

Segundo os expertos, este cambio non só implica unha redución do consumo enerxético senón que mellora a calidade da iluminación. As novas luminarias de Castrelo pasarán de ter 150 e 250 watts a 60 watts e a partir da medianoite reducir de forma automática a intensidade nun 75 %, pero isto non repercutirá nunha diminución da calidade dado que a luz que se emite ten un mellor aproveitamento cara á estrada, evitando as perdas que se producen coa tecnoloxía tradicional de lámpada de descarga. Ademais, segundo explican desde Tecnogall, a empresa que desenvolve o plan de aforro enerxético de Cambados, esta tecnoloxía ten vantaxes desde o punto de vista medio ambiental dado que evita as emisións de dióxido de carbono á atmosfera.

A avenida de Vilariño será o próximo punto onde se procederá a substituír as vellas luminarias por unhas Led, obra que o concelleiro agarda que se acometa canto antes. José Ramón Abal anunciou melloras, tamén no rural, onde hai sistemas de iluminación antigos que precisan unha renovación. «O do alumeado é un dos servizos máis valorados polos veciños e estamos conseguindo solucionar as avarías, cando non no mesmo día, nun prazo de 48 horas» indicou o edil, non sen antes felicitar á empresa polo seu traballo.