O mar de Arousa clama por medidas que eviten a fuxida masiva de traballadores
A ILLA DE AROUSA
Piden axudas directas, exencións do seguro e prórroga dos pérmex
03 mar 2026 . Actualizado á 12:11 h.O mar arousán non só está na uci: está a agonizar. Este terrible diagnóstico foi emitido onte por representantes do sector marisqueiro, parquistas e bateeiros, que compareceron xuntos en rolda de prensa para dar conta do momento crítico no que se atopa a ría tras o último episodio de mortaldade derivado das intensas choivas caídas durante os últimos meses. Os danos que este exceso de auga doce ocasionaron poden supor a estocada final a uns sectores que encadean varios anos de crise produtiva. E só hai unha forma de evitar que esta riada acabe arrasando ao sector: que todas as Administracións arrimen o ombro para conseguir dar a volta á situación. Para iso, máis aló de pedir o arbitrio das axudas vinculadas á declaración de zona catastrófica —o Goberno central xa recoñeceu a Galicia como zona afectada gravemente por unha emerxencia de Protección Civil a comezos de febreiro—, reclámanse accións inmediatas aprobadas a través de decretos urxentes.
Segundo explica o sector arousán, nestes momentos hai dúas frontes aos que prestar atención. Por unha banda, sinalan, é necesario adoptar medidas que eviten que continúe a sangría de persoas que viven do mar. «Non marisqueo, cada ano estamos a quedar con 200 pérmex menos», sinalaba o patrón maior da Illa, Juan Rial Millán. Con cada vez menos recurso que extraer, a desafección ao mar aumenta e «a xente busca traballo onde pode». E iso supón, en moitos casos, pór rumbo a terra. «A crise actual pode levar ao peche das confrarías, ao abandono da actividade pesqueira, á perda dos pérmex e á posible perda das concesións», sinalan os portavoces do sector, que expoñen unha serie de accións para evitar ese desenlace. Nese sentido, reclaman a exención do pago da Seguridade Social para o marisqueo, unha exención que contrapoñen co feito de que este ano se aumentasen as cotas tanto no caso do sector do montón, como no de á boia, onde a subida foi considerable. Sinálao o patrón maior de Vilanova, Rosalino Diz, que entende que «aumentarnos as cotas de 280 a 310 euros é unha boa forma de acabar con nós».
Reclaman tamén «axudas directas do ISM a todos os mariscadores e mariscadoras», axudas compensatorias tanto para o marisqueo, como para vos parques de cultivo e as bateas. Esixen ademais a prórroga automática dos permisos de explotación e das concesións, a creación dun seguro de produción marisqueira, e un respaldo económico para evitar o colapso das confrarías. Todas estas medidas, sentencian, «teñen carácter de urxencia; demandamos que se tomen mediante decretos dos Gobernos autonómico e central, nas súas respectivas competencias».
Esas actuacións contribuirían a amortecer o último golpe, que deixou un panorama desolador: en Carril, moitos parques de cultivo foron arrasados; nas confrarías as mortaldades son enormes e afectan non só á ameixa. Ata os bateeiros detectaron mortaldades que acadarían o 25 % nas bateas dos polígonos próximos á desembocadura do Ulla.
Loita contra as verteduras, control de encoros e o dragado do río Ulla
Máis aló das medidas que se adopten para saír do paso, o sector reclama unha segunda liña de acción, tamén urxente, que permita ir dando solucións a ningúns dos grandes problemas que padece a ría e que se traducen, desde hai anos, no seu declive produtivo.
«A ría ten moitos problemas. E nós, como sector, queremos ser parte da solución», sinala a presidenta do marisqueo a pé de Carril, María Porto. É certo que o cambio climático afecta: as augas interiores da ría tardan un 240 % máis de tempo en renovarse. Neste contexto, o sector demanda varias actuacións que non se poden demorar máis: un plan plurianual de recuperación das rías no que se impliquen a Xunta, o Goberno central e a Unión Europea. Debería partir, din, dun estudo «multidisciplinar e independente», do saneamento das rías e ríos e a recuperación dos bancos marisqueiros.
Outra cuestión que pon sobre a mesa o sector, e tampouco é nova, é a necesidade de regular a apertura dos encoros, para evitar que estes acaben agrandando os problemas xerados por episodios de tormentas como os vividos. No caso concreto de Arousa, ademais, reiteran a solicitude dun dragado da desembocadura do Ulla que recupere a vella canle e que minore a cantidade de auga doce que chega ás zonas de produción.