Practica o plogging, correr e limpar

A Illa de Arousa

dobre-d

É hora de pasar á acción: O plogging é un movemento iniciado en Estocolmo que fusiona deporte e ecoloxía. Isto vai de recoller lixo mentres fas exercicio físico. Chámanlle o running ecosostenible. E en Galicia xa leva

16 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Aínda que os suecos nos levan vantaxe, xa é tendencia en Galicia quedar para saír a correr e recoller o lixo que che vaias atopando ao teu paso. Trátase do plogging, unha nova modalidade deportiva, impulsada desde Estocolmo, que aúna o deporte coa protección ambiental. O termo vén de unir o coñecido anglicismo jogging coa expresión sueca plocka upp, que significa «recoller». Nalgúns países europeos é unha tendencia que pisa cada vez con máis forza, e aquí tamén está en auxe. Só necesitas unha bolsa e as túas zapatillas deportivas. 

Na parte física, é o soño dourado de todo adestrador. Meter sentadillas a eito no medio da carreira é a combinación perfecta para exercitar glúteos e pernas. «¡E oito residuos máis»!, que diría Eva Nasarre. Mesmo ten similitudes co tan de moda adestramento interválico. Inclinarse para recoller lixo fai que o trote sexa máis eficaz. É un excelente xeito de manterche en forma mentres coidas o teu planeta. Porque aquí o que está presente é o máximo respecto pola contorna de case todos os que adestran ao aire libre.

Unha das sensacións máis bonitas dos corredores é esa comuñón persoal coa natureza. Xa sexa no parque, na montaña ou xunto ao mar, saír a adestrar ao campo convértese nunha pracenteira forma de realizar exercicio físico, grazas á constante metamorfose da paisaxe. Non hai choiva que free a un auténtico amante da carreira. Xa pele de frío, trone, granice ou faga un sol de carallo, sairá igual a correr. O que si pode amolar unha tirada cos colegas de adestramento é toparche cos refugallos tirados polo camiño. «Eu sempre vou pendente do que me atopo nas miñas camiñadas e vouno retirando do medio. Son pequenos xestos que, ao final, redundan nunha actitude prol-medioambiente», di Andrés Pereira, director de proxectos do Grupo Naturalista Hábitat.

Hoxe en día, as noticias relacionadas coa preocupación polo futuro do noso planeta abren telexornais. Moitos de nós estamos concienciados coa defensa do medioambiente, pero que podemos facer para axudar? Pois, por exemplo, apuntarnos a unha limpeza de residuos. «Non quedemos co mero feito da concienciación. Demos un paso máis aló e fagamos algo polo planeta. Alá onde esteamos, existirán colectivos aos que nos podemos sumar pola mellora da nosa contorna», afirma Pereira. A súa entidade leva corenta anos traballando en defensa do medioambiente. No que vai do 2019, por exemplo, no Grupo Naturalista Hábitat recolleron máis de 2.000 quilos de lixo en praias, ríos e montañas, coa axuda de máis de 400 voluntarios. Moitas delas son accións de limpeza que van ligadas a excursións de sendeirismo e de posta en valor da nosa contorna, como as que realizan en colaboración con AFundación, a Obra Social de Abanca, dentro da campaña «Traballando pola mellora do Patrimonio Natural».

Iso é o que ten o running, que che activa. En Galicia hai corredores que xa se empezaron a organizar para recoller desperdicios. Fan unha quedada para adestrar e aproveitan para limpar as cunetas.

Pero o plogging tamén chegou ao circuíto de carreiras. Este ano celebrouse en Barcelona a segunda edición do Ultra Clean Marathon. Os participantes correron a distancia dun maratón cada día durante sete días. E ao tempo, recolleron case tres toneladas de lixo.

ADESTRAR E RECOLLER

En Galicia, cabe destacar a actividade «Deixa atrás a suciedade» que serviu de antesala ao Carreirón 10K, unha proba circular que en maio percorre parte dos lugares máis emblemáticos da Illa de Arousa. Unha semana antes de que esta se celebrase, dous clubs, o Dorna Fútbol Gaélico e Punta Cabalo Arousa Runners, puxeron en marcha, sobre o mesmo itinerario, unha carreira previa na que para participar era necesario levar luvas e bolsas para recoller lixo. Ese día os deportistas reuniron unha trintena de bolsas repletas de todo tipo de plásticos, paus de batea, paquetes de tabaco, luvas ou latas de cervexa. Ante a cantidade de desperdicios, o percorrido levoulles o dobre do habitual e tardaron case hora e media en completalo.

Pero non só o running é compatible co plogging. A tendencia do ecofitness é extensible a outras modalidades deportivas como o ciclismo, a escalada, a marcha nórdica e, por suposto, os acuáticos como o surf e o mergullo. Precisamente, moitos mergulladores, coas súas limpezas de fondos mariños, demostraron que comparten o mesmo interese polo coidado da nosa contorna nun planeta que pide axuda.