A Illa vota este martes un orzamento de 3,7 millóns de euros

B. C. A Illa

A Illa de Arousa

MARTINA MISER

Crecen os investimentos e os gastos de persoal respecto ao pasado exercicio

16 feb 2019 . Actualizado ás 20:55 h.

O Concello da Illa volve ser un dos máis madrugadores da comarca á hora de aprobar o orzamento municipal. As contas elaboradas polo executivo de Carlos Iglesias someteranse a votación nun pleno extraordinario que foi convocado para o vindeiro martes, á unha da tarde. Salvo sorpresas, as contas serán aprobadas, dado que o PSOE goberna con maioría na corporación.

O orzamento para o 2019 ascende 3.760.000 euros, 800.000 euros máis que o pasado exercicio. A diferenza vén marcada, sobre todo, polos investimentos: 267.500 euros para afrontar o pagamento das obras de rehabilitación das casas modernistas e 105.000 euros para a compra da nova nave municipal de servizos situada na avenida da Ponte. Tamén se realizarán investimentos menores en obras na rede de saneamento e as contas increméntanse en 200.000 euros respecto ao 2018 pola inclusión da partida do Plan Concellos, segundo explica o alcalde.

No 2019 tamén aumentan os gastos de persoal, que suman 872.000 euros, como consecuencia dos cambios aplicados no catálogo dos postos de traballo municipais e pola contratación dun mestre compostero, cuxo salario é abonado a partes iguais entre o Concello e a Deputación de Pontevedra.

Tamén aumenta a partida de gastos correntes como consecuencia do incremento do consumo enerxético derivado da posta en marcha de novos tramos de iluminación pública e do edificio de usos náuticos, que se agarda empezo a funcionar antes do verán.